A fundación da Imaxe

Miguel A. Fernández

CARTELLE

31 jul 2018 . Actualizado a las 17:23 h.

Hai pouco máis dun ano, fixemos realidade un soño: a Fundación Carlos Velo, que preside Carmen Leyte, incansable loitadora para que a súa sé estivese na propia casa do ilustre, en Cartelle. A primeira, a única fundación audiovisual de Galicia -e das poucas de España, se non a única-, que ademais nace desde Ourense, unha provincia e unha capital, que moito levan aportado ao desenvolvemento das artes da Imaxe e da súa difusión no país. Unha das achegas ourensáns, alá polos anos 70 -da man das Xornadas de Cine abrigadas polo Cineclub Padre Feijóo- foi recuperar a figura de Carlos Velo, intelectual e cineasta exiliado en México, figura de relevo internacional ata ese intre esquecida. Foi despois, en 1985, cando as Xociviga -tamén desde o seu cineclub, que daquela presidía- redondearon a reivindicación, poñendo en valor a súa vida e obra, agora rememorada nun libro gráfico coordinado por Xosé Manoel Rodríguez. E entre nós segue. Foi para min un fermoso acto o de onte, a sinatura dun convenio entre as Xociviga á par co Concello ?ambos acolleron a Velo na súa derradeira viaxe á terra-, e a Fundación que o honra, unha institución a dispor de cantos queiran reivindicar a Ourense como cerne audiovisual de Galicia, que o é por honra, por historia e por tradición.