A celebración do Mundil cumpre vinte anos de historia en Cartelle

M. r. v.

CARTELLE

Antonio Cortés

Sábado e domingo haberá probas deportivas e espectáculos equinos

08 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vinte anos vivindo con paixón o mundo do cabalo dan para moito. Para traballar día a día e para gozar, unha vez ao ano desde hai vinte, dunha festa que é un referente no sector equino na provincia: a Festa do Cabalo do Cartelle, que se celebra na localidade de Nogueiró esta fin de semana. A Asociación de Caballistas O Mundil, entidade sen ánimo de lucro, é quen organiza esta festa é case tan antiga como a celebración.

No recinto ecuestre do Mundil, os protagonistas esta fin de semana serán os cabalos e, entre todos eles, os da raza pura galega, que se crían nas instalacións de Nogueiró e que participarán en demostracións espectaculares ao estilo andaluz.

A festa concéntrase no sábado e o domingo. O sábado haberá probas deportivas, como a primeira xornada da Copa Federación Galega de Enganche. Ás cinco e media da tarde será a competición indoor de limoneras e a libre de enganches tamén baixo teito.

Demostración de enganche o ano pasado. FOTo antonio cortés

Carrusel musical e fantasía ecuestre

Os espectáculos ecuestres, ademais das probas de resistencia e doma, son unha das características desta Festa do Cabalo de Nogueiró. O sábado, dende as oito, haberá un carrusel musical ao que este ano están convidados os cabaleiros do Salnés, que hai uns anos inspiraron co seu espectáculo ao de Cartelle. Despois haberá cea con música de pinchadiscos e sorteos.

O domingo será un día grande. Comezará coa marcha técnica desde as 10.30 horas para unha reedición do carrusel musical. Logo do xantar, a partires das 17.30 horas será o espectáculo Fantasía Ecuestre, con cabalos de raza galega.