«Hai que por en valor o que dá o rural á educación»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

CARTELLE

MIGUEL VILLAR

Leyte deixa a alcaldía polo tempo que lle esixe o Senado pero seguirá como concelleira

20 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Leyte (PP) presentou a súa renuncia como alcaldesa de Cartelle, un cese que se tramitará no pleno do vindeiro luns. Leyte, que compatibilizaba a alcaldía co Senado, seguirá como concelleira en Cartelle e coa súa labor na Cámara Alta. Foi alcaldesa durante 26 anos, sete mandatos, todos con maioría absoluta agás os dous primeiros exercicios.

-Cal foi o motivo da renuncia?

-Jaime (Sousa, tenente alcalde) xa me substituía pero eu tiña dificultades para atender as dúas cousas. Ao principio leveino ben, facilitábanme as comisións, pero nesta lexislatura hai varias reunións á semana. Ademais, ascendéronme a portavoz do grupo e a directora adxunta co aínda se complicou máis. Cartelle ten que ter alguén a disposición as 24 horas. Jaime leva connosco desde 1991 e sempre funcionamos como un equipo. É un transito natural. Quero seguir como concelleira para seguir exercendo o meu compromiso co concello porque nunca estiven apegada ás cadeiras; tamén para estar ao lado de Jaime e dos veciños de Cartelle, a quen lles debo todo: fixeron que eu puidera ser alcaldesa e senadora. Debo seguir.

-Que é máis satisfactorio, a política do Concello ou no Senado?

-Son traballos distintos. Como médica xa me gustaba estar en contacto próximo coas persoas e penso seguilo facendo. Son unha veciña máis deste concello. É satisfactorio ver o traballo diario, as obras e servizos, o 80 % concentración parcelaria feita, as estradas e o nivel de vida, que cambiaron bastante. Ser senadora é unha experiencia totalmente diferente; é outro estatus, quizais máis afastado dos cidadáns, pero facendo cousas por mellorar a súa calidade de vida. No Senado trabállase moito e nesta lexislatura evidénciase máis. Fanse cousas moi importantes pola nosa provincia, para que o AVE chegue canto antes ou para que medre a economía.

-A pesares de todo, Cartelle perde poboación, aínda que non sexa un problema intrínseco.

-Cartelle non é dos peores sitios, pero a perda de poboación é en toda Galicia e España interior. Gústame a calidade de vida que dá o rural, o contacto coa natureza. Hai que por en valor o que aporta o rural para a educación dos fillos. Non hai que levalos a moitas cousas, a mellor ensinanza é na súa casa.