As Calpurnias premiaron a aposta polo cine menos convencional

La Voz OURENSE / LA VOZ

CARTELLE

Antonio Cortés Santos

Ignacio Agüero e Christopher Lamarca gañaron as seccións competitivas do OUFF

05 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Maialen Beloki, que formaba parte do equipo encargado de fallar os premios da sección Óperas Primas, diu onte a clave do sentimento no que coincidiron os tres xurados que fallaron os premios Calpurnia do OUFF 2016. Beloki, que forma parte da Subdirección do Festival de Cinema de San Sebastián, salientou a gran calidade dos traballos presentados a competición: «Hubo unanimidad a la hora de elegir la obra premiada y mucho debate entre nosotros por el nivel y la calidad de los trabajos».

O OUFF clausuraba onte á noite a súa vixésimo primeira edición coa entrega dos galardóns e o pase da película Pedro Páramo, unha cinta seleccionada para a ocasión para renderlle homenaxe ao director de Cartelle ao cumprirse este ano o 50 aniversario da rodaxe de Carlos Velo sobre o orixinal de Juan Rulfo.

Nesta nova etapa do Festival de Cine Internacional de Ourense foron dúas as seccións a concurso: Cine Iberoamericano e Óperas Primas. No primeiro dos apartados o xurado concedeu o premio á mellor película a Ignacio Agüero, por Como me da la gana II. Miriam Reyes, Luís López Carrasco e Manu Yáñez, os membros do xurado, acordaron que o Premio Carlos Velo ao mellor director fose para Gustavo Fontán polo seu traballo El limonero real e como mellores actores foron elexidos Juan Lugo Quebrada e Luna Acosta, por Días extraños -de Juan Sebastián Quebrada-. Houbo unha mención especial para Matías Piñeiro, por Herminia & Helena. Maialen Beloki, Miguel Valverde e Felipe Lage premiaron a Christopher Lamarca como o autor da mellor ópera prima a concurso: Boone. María Aparicio, directora de Las calles, viu recoñecido o seu traballo cunha mención especial.

Agüero: «Me voy estimulado»

Por primeira vez na súa historia, o OUFF diulle un papel protagonista ao Cineclube Padre Feijoo e a responsabilidade de conceder un dos galardóns para as cintas dos novos realizadores. Laura Iglesias, María Barreiro e Mariana Romero apostaron por

The dazzling ligth of sunsent

, de Salomé Jashi. E concederon una mención especial a

Notes on blindness

, de Peter Middleton e James Spinney -que se levou tamén o premio do público-.

Logo de coñecer a súa condición de autor da mellor película iberoamericana a competición, Ignacio Agüero (Chile, 1952) amosouse ledo e contrariado a un tempo: «Es una gran satisfacción y un reconocimiento, un premio siempre anima a seguir trabajando con fuerza en nuevos proyectos. Pero también me voy apenado por la cantidad de buenas películas que están acá y que no he podido ver. Sí conozco la obra de Fontán y es un premio muy merecido -o de mellor director- y me hubiese gustado ver la de Matías Piñeiro, pero ya no la pasaban cuando llegué al OUFF». Como me da la gana II xa pasou por certames como a bienal de Viena e os festivais de Valdivia e Marsella. En próximas datas estará en Barcelona, Corea e en Nova York (proxectarase no Lincoln Center). Agüero, que recoñeceu que xa traballa nun novo proxecto do que non quixo falar, non descarta facer unha terceira entrega: «¿Si lo hacen las sagas amercinaas por qué no lo voy a hacer yo?».

Unha historia real

Las calles céntrase nun episodio sucedido nun pobo da Patagonia: as rúas non tiñan nome e unha mestra implicou aos cativos na aventura de procurar un nome para as mesmas. María Aparicio (Córdoba, Arxentina, 1992) recoñeceuse onte sorprendida: «Es la primera vez que venimos a Europa y se trata de mi primera película. Todas mis expectativas están desbordadas y estoy más que agradecida por el reconocimiento». As cintas premiadas proxéctanse hoxe na Ponte Vella.