«En todos os partidos fálase xa de que os militantes teñan máis voz»

CARTELLE

Santi M. Amil

A ourensá Carmen Leyte repite como presidenta da comisión de Peticións da Cámara Alta

13 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

É alcaldesa de Cartelle desde o ano 1991 e senadora desde o 2008. Na Cámara Alta preside a comisión de Peticións, que recolle as queixas dos cidadáns que consideran atacados os seus dereitos. Alí estudan os escritos que reciben e os derivan as Administracións das que dependa cada un.

-¿Fáiselle seguimento despois?

-Si, si, claro. Nós esixímoslle a esa Administración que responda e, se non o fan, se lles reitera a petición e logo nós mandámoslle esa resposta ao cidadán ou ao colectivo que presentou a petición.

-¿Que tipo de asuntos chegan?

-A maioría dos asuntos son cuestións xudiciais, pero temos de todo, en relación aos ministerios, ás comunidades, aos concellos... A maioría é verdade que son xudiciais, de xente que quere que se volvan revisar os seus xuízos ou recursos porque creen que a Xustiza non actuou como debería. Ás veces é porque teñen pedido unha revisión ou un indulto e non lle contestan. Tamén hai moitas cuestións relacionadas coa custodia de nenos.

-¿Hai algunha petición que lle impactara especialmente?

-Hai algunhas que se rexeitan si son insultantes ou se non veñen ben identificadas ou son reiterativas. As máis impactantes para min son as que teñen relación coa custodia dos nenos. Son pais, sobre todo, porque normalmente os xuíces teñen tendencia a darlla á muller. Séguese falando da custodia compartida, pero aínda non é unha realidade. Entón, hai moitos homes que loxicamente ven un menoscabo dos seus dereitos.

-¿Este traballo reforza a súa idea de que o Senado si serve para algo?

-Eu creo que si. A maioría das democracias parlamentarias do noso entorno teñen Congreso e Senado, ou a súa equivalencia. O que se trata, máis ben, é que hai que darlle unhas competencias específicas e que naqueles temas que sexan dependentes da Administración local ou cuestións territoriais non sexa cámara de segunda lectura, que iso xa vaia directamente ao Senado.

-Compara o noso sistema con outros. Precisamente, no noso os partidos impoñen disciplina de voto e noutros non. ¿Que opina?

-Normalmente cando un forma parte dun partido é porque cre nos seus postulados. É certo que nalgún momento quererías expresar a vontade propia, por dicilo así, pero todo é discutible. É certo que neses países, como en Estados Unidos por exemplo, non ocorre iso, pero é tamén porque cada individuo, sexa republicano ou demócrata, sufraga a súa propia campaña con aportacións de particulares ou empresas. Entón, ten unha maior vinculación a esa xente que o apoiou. Iso non ocorre aquí, que son os partidos os que fan as listas. O que si creo é que as listas deben ser o máis democráticas posibles e en todos os partidos fálase xa de que os militantes teñan máis voz á hora de decidir quen queren que os represente.

-Na última lexislatura vostede interveu 18 veces no Senado e formulou 19 preguntas. ¿Pensa que é suficiente?

-Na anterior lexislatura que estabamos na oposición creo que fun das que máis preguntei, pero cando ti es goberno é diferente. Non ten moito sentido que nós esteamos preguntando cando podemos informarnos de outras maneiras sen facer perder o tempo a asesores, etcétera, etcétera. Non se debe a que eu traballara menos ou fora unha vaga; é que sinxelamente hai outros mecanismos e o teu propio grupo pídeche que non se fagan preguntas porque sobrecargas de traballo ao Goberno.

-O acordo PSOE-Ciudadanos prevé a supresión das deputacións. ¿Como cre que afectaría iso a Ourense?

-Para os concellos pequenos, e o meu é un deles, a Deputación é unha institución que axúdanos a obter servizos que doutra maneira non poderiamos xestionar. Non sei se en toda España, pero en provincias como a nosa son importantes. Ademais non é tan fácil suprimilas porque tamén aparecen na Constitución.

-¿Que opinión lle merece a xestión de José Manuel Baltar?

-Para min, excelente. Ten feito unha importante redución da débeda, ten un programa marcado que está conseguindo facer realidade, se está movendo moito e levando o nome de Ourense a lugares onde non chegara. Espero que todo iso dea froitos e os cidadáns de Ourense o valoren.

-¿Que debería facer el ante a investigación xudicial por acoso sexual?

-A min paréceme que iso é unha cuestión que pertence ao seu ámbito persoal e familiar e, neste caso, xudicial porque está xudicializado o tema. Entón, eu non vou expresar ningunha opinión porque penso que é el o que debe de levar esa situación como mellor crea e logo tamén aterse ao que diga o xuíz.

«Despois de ser insultados se lle pide ao PP que se absteña. Hai que ser serios»

Leyte di que está satisfeita co seu traballo no Senado e non se plantexou se esta, que é a súa terceira lexislatura alí, será a última. Na Cámara Alta ten un lugar privilexiado desde o que seguir a actualidade política nacional, chea de incerteza nestes momentos.

-¿Qué opinión ten das negociacións e movementos que están a facer os partidos para formar Goberno?

-A min non me gustou que logo de que o Partido Popular gañou as eleccións con moita diferenza co PSOE, Pedro Sánchez se negara a sentarse a falar con Mariano Rajoy. Eu penso que as persoas que presumimos de consenso e de tolerancia non podemos ter esas actitudes; é un menosprezo aos millóns de votantes do PP. E agora, despois de ser insultados, se lle pide ao PP que se absteña. Hai que ser serios.

-¿Que lle está a parecer a estrea de Podemos?

-Non se trata de illar a ninguén. Eu teño amigos en Podemos sen ningún problema. O que se trata é dos postulados. Eu non defendo o referendo porque é inconstitucional a menos que votemos en todo o Estado. A min persoalmente gustaríame un goberno de coalición de PP, PSOE e Ciudadanos porque creo que si que hai cousas que reformar na Constitución, como o asunto da lei sálica ou a vertebración dun modelo territorial que non se toque.

-Sendo así, ¿non cree que Rajoy debería ter aceptado ir á investidura?

-Tal e como estaba esa situación non foi un erro. Se Pedro Sánchez tivera outra actitude inicial penso que Mariano Rajoy tiña que ir á investidura, pero no momento en que isto se produce é porque realmente, como di Pablo Iglesias, a aritmética é a que é e non había ningunha posibilidade de acordo porque nin sequera o houbo para sentarse. É que os votantes do PP fomos insultados.