Ía para cura, quería ser louxeiro e acabou estudando a historia de Galicia
CARBALLEDA DE VALDEORRAS
Isidro García Tato pasou 10 anos en Alemaña, onde coñeceu a Joseph Ratzinger na súa etapa como docente universitario antes de ser elixido papa
12 jul 2026 . Actualizado a las 16:18 h.Na escola unitaria da aldea recibiu as súas primeiras clases Isidro García Tato e pasados máis de 70 anos de aquel momento, non ten deixado de estudar. Na escola de nenos aprendeu da man de Tomás Terrón, que ademais de mestre foi o alcalde de Carballeda de Valdeorras. Terrón preparouno para o exame de ingreso no seminario bolés das Ermidas. «Eu ía para cura», conta entre risas. Ía pero non foi. Dous anos despois marchou para La Bañeza e máis tarde para Astorga, onde estudou. E despois mandárono para Salamanca co hoxe arcebispo auxiliar de Santiago, Julián Barrio, onde acabou Teoloxía.
Naquel momento, Isidro planeaba volver á casa. «Tiñamos unha empresa pizarreira e eu quería vir para traballar nela, pero non se deu», relata. A empresa vendeuse daquela e aí rematou a súa idea de facerse empresario. Porque xa nunca máis lle andou na cabeza, e iso que recoñece que o sector da louxa sempre lle gustou. Mais tamén gozaba moito entre libros e por iso cando lle ofreceron unha bolsa para ir estudar a Munich, non o pensou. «Rouco Varela, que daquela era vicerreitor, estudara alí e mirando o historial e polo meu carácter, pensou que eu era o indicado», lembra. E sen nocións de alemán, aló marchou. Era 1973. Dedicou máis dun ano a aprender o idioma e a cultura para pasar o exame que lle deu aceso á universidade, onde coñeceu ao profesor Joseph Ratzinger, quen despois foi elixido papa (Benedicto XVI). «Quedou entusiasmado comigo», relata. Comezaba así unha etapa de dez anos na que sacou cum laude o seu doutoramento en Teoloxía Católica, cunha tese sobre un autor calvinista. «Eu quería quedar, porque xa era axudante de cátedra, pero a mina nai foime buscar», conta rindo. Pasou alí 15 días ata que o convenceu para volver. Era 1983 e Isidro acabou no Consejo Superior de Investigaciones Científicas en Madrid, onde botou ata 1997 que se trasladou a Santiago. Continúa como investigador emérito no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. «Estou xubilado pero sigo dirixindo proxectos de investigacións», sinala. Ata o Padre Sarmiento chega moita xente facer as prácticas. «Todos naceron neste século, eu son un carcamal», di cunha risada. «Véxoos moi inocentes e pouco críticos. Na miña época protestábamos máis», recoñece. Remarca que non ten queixa.
«O de cura quedou en nada; pero tampouco tiven familia, porque me centrei no estudo», conta entre risas. Isidro ri moito. Se de algunha cousa está orgulloso de todo este tempo é que «algo aportei ao coñecemento da historia de Galicia». Sabe que hai quen non o valora, pero tamén coñece a quen si, e está seguro de que no futuro aínda se lle recoñecerá máis todo o que leva feito. Presume de levar 39 anos dedicado a estudar as encomendas galegas de San Juan de Jerusalén. «É a orde militar por antonomasia en Galicia. Podes facer a historia de Galicia dos séculos XII ao XIX estudándoa. E a pesar diso non é moi coñecida», relata. Todo o que dela descubriu plasmouno en seis libros. Aínda están pendentes de publicar outros cinco máis, que xa ten no ordenador, pero que non está seguro de que acaben en papel. «Estou desanimado a facelo», sinala.
Na súa longa traxectoria como investigador tamén, como non podía ser doutro xeito, estudou e fixo unha publicación de case 500 páxinas sobre a historia da louxa. Agora ten entre mans un proxecto sobre a Casa de la Cuesta en Quiroga, a petición do seu propietario actual, que vive nos Estados Unidos. Puxo ao seu dispor o seu amplo arquivo, «unha camioneta de papeis». «Levo tres anos con iso e teño xa máis de mil páxinas escritas». Se algo ten claro é que non pensa retirarse nunca. «Nunca traballei tanto como nestes últimos sete anos que levo xubilado», relata un home que ten publicados 45 libros e máis de 200 artigos científicos.
Presume no seu currículo do carné de dinamiteiro, que sacou nun bar
O pai de Isidro foi un dos pioneiros (xunto a Cufica ou Ceferino Fernández) na explotación da louxa en Carballeda de Valdeorras. Comezou no 1951 na zona do Castañeiro. «En Casaio non empezaron ata os anos 60 e 70», di. Cando no 1973 a pizarreira deixou de estar en mans de familia, Isidro xa tiña unha longa experiencia no sector. «Nos veráns ía á canteira», recorda, facer os traballos máis duros. «Eu era barreneiro e dinamiteiro, colgado cun arnés», relata. Tiña uns 18 ou 19 anos cando sacou o carné. «O enxeñeiro estaba examinando no bar Nievitas, enfronte da estación, e alí fun. Preguntoume a teoría dos explosivos e despois pediume que cargara un tiro de dinamita. Metín a mecha no detonador e como non atopaba un alicates, metino na boca para apertar cos dentes. O enxeñeiro escapou, pero díxome que lle demostrara que sabía», relata. Ese carné aparece en todos os seus currículos. «Téñenme preguntado que ten que ver co que fago, e eu sempre digo que grazas á louxa puiden estudar, e que, ademais, indica a miña polivalencia», conta entre gargalladas.
DNI
Quen é. Isidro García Tato naceu en Viladequinta (Carballeda de Valdeorras) en decembro de 1947.
A que se dedica. Desde o 1983 está vinculado ao CSIC, primeiro en Madrid e desde o 1997 en Santiago de Compostela. Xubilado desde hai sete anos, é investigador emérito.
O seu recuncho. A súa prezada biblioteca, na casa que fora dos seus avós e que el mesmo rehabilitou. «É o meu ambiente», asegura.