A asociación Ridimoas recupera un muíño medieval no regato da Barbaña

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CARBALLEDA DE AVIA

Santi M. Amil

Os furtivos que entraron no bosque mataron porcos bravos, corzos e aves rapaces

26 ene 2019 . Actualizado a las 19:29 h.

A friaxe morde e as xeadas deitan grosas capas brancas no camiño que leva ao muíño da Barbaña. E Pablo Oitabén sempre ten unha reflexión que tirar da súa experiencia antes de procurar un sendeiro alternativo para chegar ao lugar: «É o progreso. Cementan os camiños e logo no inverno hai xeo e non podes pasar. Se estivera como hai anos, de terra, non se formarían estas placas».

A restauración do muíño é o proxecto máis recente de Ridimoas, sen que iso signifique outra cousa que ser un espazo onde neste momento se están a centralizar unha parte dos esforzos da asociación, xa que Ridimoas é un mundo que conta nestes momentos con cincocentas hectáreas de bosque repartidas polos concellos de Beade, maioritariamente, Leiro e Carballeda de Avia. Neste último municipio de forma simbólica xa que o espazo é pouco e o colectivo considera que a prioridade agora pasa por consolidar e protexer o existente.

O edificio e os terreos foron mercados pola asociación e actualmente o muíño e a vivenda lindeira están a ser restaurados. A canle que deriva a agua para o muíño divide o caudal en dúas moas e Pablo Oitabén xa andivo á procura de toda a información sobre o lugar. Pousado enriba da canle informa: «O muíño funcionou ata comezos de 1981. Ten dúas rodas, a do centeo é do século XIII e logo xa se fixo unha segunda para o millo no XVIII. Foi propiedade dos Templarios e logo da encomenda da Orde de San Xoán de Xerusalén -o edificio da mesma está a cincoenta metros, xunto á igrexa-».

Traballos hai sempre en Ridimoas e o obxectivo pasa neste últimos anos por consolidar o bosque e seguir coidando un espazo que conta con flora e fauna de gran valor. A cerdeira de acios, o acereiro, a garduña, a lontra, o esgonzo ibérico son habitantes singulares deste espazo que tamén conta coas súas bestas negras: os traballos son moitos e os esforzos vanse sucedendo no tempo para loitar contra as mimosas. En Ridimoas ata se fixo unha investigación sobre as mesmas e como se necesitan décadas para rematar coa praga.

Matanza de cazadores furtivos

Mentras cavila nas actividades e propostas a realizar cos participantes na próxima asemblea da asociación, Pablo Rodríguez Oitabén recoñece que aínda está doente por un episodio que rematou protagonizando unha pregunta no Parlamento de Galicia e que está sendo investigado polo Seprona. Ridimoas é un espazo privado e vedado á caza, mais o 28 de outubro uns furtivos entraron a matar e abatiron a porcos bravos, corzos, buxatos, ratoeiros... Neste punto Oitabén alporízase e bota pestes contra os escopeteiros, a complicidade das autoridades e a impunidade coa que se fan as cousas neste país.

 Mais o bo sempre está á vista. Enriba da casa está Ventureira, a cegoña que acaba de chegar de África, e Oitabén recoñece con satisfacción que recuperalas en Galicia foi un gran éxito. Cavila e pide un favor: «Non esquezas dicir que todo o que puidemos facer foi grazas ao apoio que nos deu dende o primeiro momento Eduardo Olano Gurriarán, que estaba no Icona. Sen iso nada disto tería sido posible».

Unha asociación con máis dun milleiro de socios e cun bosque de 500 hectáreas

Pablo Rodríguez Fernández Oitabén é a referencia á que todo o mundo asocia ao colectivo Ridimoas. A persoa que leva tirando do carro dende hai máis de corenta anos e o que sempre está para botar unha man, arranxar un problema ou facer unha xestión.

Mais o proxecto de Ridimoas é unha longa aventura froito de moitos esforzos e a implicación, no día a día ou coas súas aportacións, dun colectivo moi amplo de xente. Como asociación naceu oficialmente o 9 de decembro de 1988 na Universidade Laboral de Ourense. Aínda que dicir que o colectivo ten máis de 32 anos de vida non é correcto: dende o curso 1976-1977 xa funcionaba o proxecto, mais só era como actividade extraescolar. Un tempo aquel especialmente inquedo e creativo na Laboral, con profesores como Pablo Oitabén turrando dos rapaces no compromiso coa natureza, Xosé Manuel Piñeiro na música e Ánxeles Cuña cos grupos de teatro, entre outros docentes.

Asemblea en marzo

Ridimoas celebrará a súa asemblea anual o vindeiro día 31 de marzo e, co listado ao día, da mesma forman parte 1.066 socios. É dicir, as persoas que apoian o proxecto e fan posible os milagres que acontecen nos terreos de Beade, Leiro e Carballeda de Avia grazas ás súas aportacións económicas.

Unha das iniciativas pendentes é contar cun centro de interpretación para amosar no mesmo todo o que significa e se ten levado a cabo nestes anos en Ridimoas. O edificio existe e foi mercado no seu día, aínda que falta conseguir os fondos para materializar a proposta.