Pablo Garrido: «Os veciños son os que se implican na recuperación do patrimonio» 

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CARBALLEDA DE AVIA

Santi M. Amil

O responsable da firma Sagrada Familia restaura un retablo en Carballeda de Avia

14 jun 2018 . Actualizado a las 13:45 h.

Hai dez anos que Pablo Garrido era un dos protagonistas da actualidade en Ourense. Logo de licenciarse en Belas Artes conseguiu unha das becas da Deputación para formarse no extranxeiro. Foi unha experiencia que lembra con especial agarimo e da que garda marabillosos recordos: traballou na empresa de restauración Andrea Fedelli, de Florencia, e «foron catro meses moi especiais. Alí aprendín moito nas prácticas, fixen amigos cos que manteño aínda o contacto e, obviamente, tiven a oportunidade de residir nunha cidade na que se vive a arte por todos os recantos», lembra dous lustros despois. De volta en Ourense apostou por facer realidade o seu anceio e creou o seu propio proxecto. E aí sigue, coa empresa Sagrada Familia traballando na restauración de obras de arte por toda a provincia.

Hai anos desenvolveu, xunto a un equipo que seleccionou para o proxecto, a recuperación das pinturas murais e varios retablos do santuario de Os Milagres e na actualidade Garrido Ledo traballa na recuperación do retablo do Cristo Crucificado, na igrexa parroquial de San Miguel (Carballeda de Avia). O encargo para realizar esta actuación chegoulle da man do párroco, o crego Serafín Fernández Rodríguez, e o restaurador recorre á súa experiencia para debuxar como está o escenario na actualidade. «Hai tempo que non hai axudas da Xunta ou doutras institucións para este tipo de actuacións, agás casos puntuais, e o patrimonio ourensán está sendo recuperado polos veciños que son os que aportan os donativos para pagar estes traballos e por cregos que se implican nesta faceta, como é o caso do de Carballeda de Avia», sinala.

O proxecto da igrexa de San Miguel conta cun orzamento de 20.000 euros e na actualidade Pablo Garrido, que gañou o concurso para realizar a obra, está acometendo o traballo de consolidación. «Xeralmente co que te atopas nestes casos é coa existencia de suciedade, pó, problemas por antigos repintes ou vernizados e cousas polo estilo. Daquela faise necesario, antes de nada, consolidar -para evitar desprendemento de material- e logo xa acometer a limpeza física e a química». No caso do retablo de Carballeda de Avia, o restaurador amósase satisfeito co estado da peza e sorprendido pola descuberta da vella policromía.

«Tivemos sorte porque se trata dun retablo barroco, de mediados do século XVIII, e en xeral está mal conservado pero non hai repintes -agás algún caso puntual da mesma época, non recentes-. O obxectivo é recuperar a policromía orixinal da obra e por esa banda imos poder desenvolver un traballo que vai resultar moi agradecido porque nas catas atopamos unha cor espectacular e iso vaille dar un valor engadido a esta intervención», sinalou Pablo Garrido.

O percorrer do tempo sempre pasa factura e no retablo da igrexa de San Miguel faltan algunhas pezas, xeralmente pequenos adornos vexetais, algún anxo e cousas polo estilo. Nestes casos a solución arranca dende a experiencia: «Ao ser o retablo xeométrico ves o que se perdeu e sabes cal é a peza ou os anacos a recuperar. Nestes casos a filosofía sempre é a mesma, e pasa por incorporar eses elementos, mais deixando claro o que ti aportas ao retablo. Non se trata de imitar, senón de ser respectuosos co orixinal». Na soedade da parroquial o restaurador ourensán seguirá a traballar para que dentro duns meses, catro, os veciños podan gozar dunha obra que lucirá as súas mellores cores.

Becado en Florencia. Pablo Garrido Ledo (Ourense, 1981) é licenciado en Belas Artes e fixo prácticas en Florencia cunha beca de Deputación.

 

Emprendedor. Hai dez anos creou a súa propia empresa de restauración de obras de arte: Sagrada Familia.

De Verea a Carballeda. Na actualidade traballa na igrexa de San Miguel. As súas últimas intervencións foron en Verea e Cortegada. Este último proxecto foi promovido pola Xunta.