Tristura, impotencia e indignación

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

CARBALLEDA DE AVIA

23 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A tristura que provoca ver o noso medio natural arrasado polas lapas, cos corazóns naturais da nosa provincia, o Xurés e a Ribeira Sacra, tinxindo de negro a gama de verdes máis fermosa de Ourense; a das bágoas de veciños e veciñas que perderon os seus fogares, e que en moitos casos viron arrasado o seu medio de vida; a de Carballeda de Avia e de toda a provincia, pola perda irreparable de quen para todos era un veciño, e para moitos un familiar, un amigo ou un compañeiro.

A solidariedade dos que pasaron toda a noite tentando que as lapas non queimaran as propiedades dos seus veciños e veciñas, carrexando cubos de auga, e cedendo as súas casas aos que peor o estaban pasando; de centos de persoas que se ofreceron para actuar nos parques naturais asolagados polo lume; dos traballadores de extinción aos que semanas antes despediran, e que amosaron unha gran dignidade e profesionalidade, ofrecéndose a botar unha man.

A impotencia ante o desastre, nunha longa noite de pedra na que a única luz era a das devastadoras lapas; a de que os mesmos que días antes se congratulaban de que o bo tempo alongara o verán, consultaran case ao minuto a previsión do tempo desexando ver o debuxo das pingas de auga caendo sobre a provincia.

A indignación de que en moitas zonas ardera sobre queimado, sen que ninguén tomara medidas para que non volvera acontecer ; a que xera que ante o abandono do goberno galego, os verdadeiros coordinadores foran os alcaldes e alcaldesas que formaron xunto coa veciñanza grandes equipos de extinción; a de que saibamos dende hai anos da desestacionalización dos lumes, dos efectos do cambio climático, da perda de poboación no rural, e que cando o dicimos, sintamos que falamos coas paredes; a de que membros do Partido Popular, co alcalde de Ourense á cabeza, non respectaran aos que participamos na manifestación de Lumes Máis, porque os que foron igual de esixentes na oposición que incompetentes no goberno, agora son incapaces de entender que a tristura e a solidariedade, van da man da indignación e a impotencia.