«Hai que poñer en valor o románico que temos na provincia de Ourense»

CARBALLEDA DE AVIA

miguel villar

Antonio Dieter Moure aposta por vencellar o San Paio de Abeleda aos novos proxectos da Ribeira Sacra

03 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Dieter Moure Areán formaba parte da Asociación de Amigos del Románico e gostaba do proxecto, aínda que faltaba operatividade. Cada vez que se quería facer algunha iniciativa, denunciar a situación patrimonial ou promover unha campaña había que pedir permiso a Madrid e a burocracia convertíase nun atranco e dilataba en exceso as iniciativas. Daquela un colectivo de profesionais que compartían a súa afección pola arte decidiron crear O Sorriso de Daniel, asociación centrada na protección e promoción do románico galego. O seu presidente lembra como se elixiron os sinais de identidade do colectivo: «Baralláronse diferentes nomes e ao final eliximos a figura de Daniel por ser o único que está rindo no Pórtico da Gloria, cumio do románico, e por ser unha obra do Mestre Mateo, a figura indiscutible desta arte».

Nunha comunidade como a galega, con máis de novecentas igrexas ou monumentos deste tipo, e cunha provincia na que o románico é un referente dentro do Estado -«despois de Palencia somos os que contamos co maior patrimonio»- Antonio Dieter Moure recoñece que hai moito por facer, aínda que iso non é algo que lle meta medo: «Vanse promovendo iniciativas e sempre consegues algo. Mais non é cousa de hoxe para mañá, na provincia de Ourense temos un potencial inmenso no románico e hai moitos sitios onde actuar, o que non podes facer é deixalo pasar, porque así non se arranxa nada».

Os membros do colectivo fan roteiros e visitas por toda a provincia, e o resto de Galicia, e tamén promoven campañas de limpeza -como pasou en Santo Estevo ou en Abeleda- e accións reivindicativas. Grazas á súa insistencia na actualidade pódese visitar a ábsida de Santo Estevo -«Era inxustificábel que o máis importante que ten o lugar, e máis sendo o mellor parador do Estado, estivese pechado e non se puidese visitar. É como se vas ao Museo do Prado e non podes ver os Velázquez»- e nunca deixaron de esixir o derrubo do pavillón xunto ao mosteiro de Melón.

Por certo, os membros do Sorriso de Daniel adicaron o pasado 14 de febreiro a facer «A xeira dos namorados do románico» polo liberado cenobio e por as terras do municipio de Carballeda de Avia.

Dieter Moure acredita sen dúbida no obxectivo do colectivo que preside e reivindica o patrimonio como unha das potencialidades: «Hai que poñer en valor o románico da provincia de Ourense, reivindicalo e potencialo como se está facendo tamén co termalismo. É un potencial que temos aí e que por riba atrae turismo de calidade».

Os membros do Sorriso de Daniel aportan o seu traballo e a súa colaboración desinteresadamente e o mosteiro de San Paio de Abeleda é un dos seus retos pendentes. Ultiman un proxecto para dotar de cuberta á igrexa e cren que o lugar ten posibilidades: «Está en plena Ribeira Sacra e traballase para conseguir que esta sexa Patrimonio da Humanidade, pois fagamos algo alí». A súa voz deixa sentir que hai algo detrás que lle dá un son especial e recoñece que «teño esperanzas de que podamos facer algo alí e creo que será unha iniciativa importante».

Dende Santa María Nai á igrexa da Mezquita tería moito onde escoller, aínda que como recanto prefire «a igrexa románica do meu pobo. Santo Eusebio da Peroxa, en Coles, simboliza a riqueza espallada pola provincia».

preséntome

Nome e idae. Antonio Dieter Moure Areán. Naceu en Ourense en 1951.

Profesión. Empresario. En 1975 fundou o Colexio Valle Inclán, cento privado de FP. Desde hai poucos meses preside a Confederación de Empresarios de Galicia.

O seu espazo. «A igrexa románica do meu pobo, Santo Eusebio da Peroxa, no concello de Coles».

«Resolveranse os problemas e a partir de aí dinamizaremos a Confederación»

Botar máis de catro décadas vencellado á actividade formativa tradúcese en milleiros de persoas que levan pasado en todo este tempo polas instalacións do Colexio Valle Inclán. O seu responsábel recoñece que «é algo moi gratificante e sempre tes a satisfacción de ter axudado á preparar á xente e é unha satisfacción cando te atopas con antigos alumnos e tes novas de como lle van as cousas. Obviamente, non sempre te lembras de toda a xente que pasou polo colexio, pero son momentos que te reconfortan». Antonio Dieter Moure coincide na valoración de estar nunha provincia que axudou a engrosar as listas de funcionarios de todo o Estado, aínda que «iso xa é algo que forma parte do pasado. A situación é a que todos sabemos e as administracións xa non poden convocar oposicións como antes». Un escenario que el mira como unha oportunidade: «Ao mellor chegou o momento en que os mozos deben apostar máis por ser emprendedores e espertar ao mundo da empresa. Non é a seguridade da administración, o empresario é tal 24 horas ao día -case diría que 25- durante os 365 días do ano, pero Ourense sempre contou con grandes emprendedores».

Na súa condición de empresario, formando alumnos e liderando durante anos a Federación Galega de Academias, rematou por ser presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. Leva menos de cen días no cargo e as novas que aparecen nos medios non son precisamente boas. El mírao dende o lado positivo: «Son cuestións circunstanciais. Efectivamente hai algún desfase por servizos prestados e aínda non cobrados pero iso pasa sempre. Neste ano resolveranse e a partir de aí conseguiremos dinamizar de novo a Confederación».