San Fiz - A Trabe - Calvos de Randín

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

CALVOS DE RANDÍN

27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai máis de dez anos que deixamos instaladas as estacións agrometeorolóxicas de San Fiz, (Chantada), A Trabe (Vilardevós), e a famosísima de Calvos de Randín, que se converteu co paso dos anos no referente xélido de Galiza; sabes que se achega o inverno cos negativos de Calvos de Randín. En San Fiz os datos rexistraron o trebón do pedrazo, non hai modelos que se aproximen a desfeita que fixo. A Trabe é aquela estación dos 97 puntos Parker dun viñazo. Daquela tiñamos un plan, ambicioso, pero alomenos tiñamos un.

Di un xefe meu, que o normal é equivocarse; despois só queda aprender. Hoxe coido que faríamos o traballo mellor. As boas intencións eran dar aos agricultores datos fiables para o seu traballo, no que atinxe a tratamentos fitosanitarios. Resumindo: instálanse estacións meteorolóxicas para confirmar as previsións dos modelos. Faise unha ecuación que se vai axustando cos datos reais que miden os termómetros e pluviómetros de campo. Canto mellores sexan os datos e o algoritmo, maior probabilidade de acerto.

O exemplo é o mildiu. A infección comeza co triple 10: gromos de 10 centímetros, 10 mm de choiva e temperatura superior a 10º C. A infección secundaria desátase cando as temperaturas están entre os 20-25 º C e quedan as follas molladas máis de dúas horas. Neste punto só sulfatar as viñas pode sanear as cepas. As perdas son sempre cuantiosas cando se trata de fungos, polo que a previsión matemática é vital para a provincia con 4 denominacións de orixe.