Trinta historias de emigración na Limia

sindo martínez XINZO / LA VOZ

CALVOS DE RANDÍN

cedida

Calvos de Randín alberga durante os meses de verán unha mostra coas historias de trinta emigrantes da comarca

23 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha exposición aberta en Calvos rememora 30 historias de emigración, exemplo do éxodo de miles de limiás que deixaron ao longo do século XX a súa terra en busca dunha vida mellor. É unha iniciativa integrada no programa de atención ás persoas maiores no rural de Cáritas.

A Emigración no século XX na zona do Val do Salas recolle historias reais, fotos e documentación orixinal de 30 limiás. Recorreron 6.698 quilómetros ata Caracas, 8.313 ata Sao Paulo, 9.992 ata Bos Aires ou 17.639 ata Melbourne en busca dunha vida mellor para eles e as súas familias.

Ana María Vázquez, unha das promotoras desta proposta que estará ata setembro no Concello de Calvos de Randín, destaca: «Concellos como Calvos ou Baltar perderon máis da metade da súa poboación no século XX. A migración marcou a vida destes municipios de forma clave e é unha das causas do envellecemento e do despoboamento enorme que existe agora».

Vázquez matiza que «é de agradecer a colaboración de ducias de persoas ou dos seus fillos ou netos que nos deron documentación e fotos e nos relataron a historia das súas vidas lonxe da Limia». Este proceso de recollida de datos comezou hai máis de dous anos. «As historias que se recolleron son como unha pequena mostra deste fenómeno social que tivo un enorme impacto aquí», resume Vázquez.

Onde foron os emigrantes antelás? «Na primeira metade do século foi unha emigración transoceánica a Brasil, Arxentina ou Venezuela. Na segunda metade do XX foi máis cara Europa, a Alemaña, Suíza ou Francia», detalla a promotora. A mostra, inaugurada esta semana, poderase visitar na Casa do Concello de Calvos de Randín, durante os meses de verán, no horario normal do Concello.