Cynthia Menéndez e Carmen V. Valiña reciben o premio Antón Losada Diéguez afondando na identidade galega

LA VOZ OURENSE

BOBORÁS

As premiadas Cynthia Menéndez e Carmen V. Valiña
As premiadas Cynthia Menéndez e Carmen V. Valiña Miguel Villar

A gañadora de narrativa homenaxea a memoria obreira de Vigo e a de ensaio ás mulleres no manicomio de Conxo

13 jun 2026 . Actualizado a las 18:29 h.

Boborás celebrou este sábado una das súas citas máis especiais. O Premio Antón Losada Diéguez entregou os galardóns da súa 41 edición, sendo un do certames máis lonxevos e prestixiosos das letras galegas. Impulsado de xeito conxunto polos concellos de Boborás e O Carballiño, conta cunha dotación económica global de 12.000 euros, repartidos a partes iguais entre as dúas galardoadas. As grandes protagonistas da xornada foron as escritoras distinguidas: Cynthia Menández e Carman V. Valiña. Ambas obras foron elixidas pola súa calidade, rigor e innovación.

Na categoría de creación literaria, Cynthia Menéndez foi galardoada pola súa novela Son coma glaciares os barcos de aceiro, un traballo que o xurado cualificou como unha narración de fondo alento lírico e esteticamente innovadora que funciona como unha sentida homenaxe á cultura industrial e á memoria obreira do sector naval de Vigo. Pola súa banda, Carmen V. Valiña resultou gañadora na modalidade de ensaio e investigación grazas á súa obra As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo (1885-1936). Do seu libro, o comité cualificador destacou a súa gran capacidade para combinar o rigor histórico cun estilo próximo á narrativa de ficción, ofrecendo unha análise crítica da realidade das mulleres internadas no sanatorio compostelán e abordando cuestións clave como a violencia machista ou a disidencia social da época.

As intervencións do acto, no Pazo de Molde, reivindicaron a conservación do patrimonio cultural e a memoria histórica de Galicia. O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, definiu o certame como unha verdadeira institución en si mesma que cumpre a dobre función de premiar a excelencia do presente e manter vivo o legado de Antón Losada Diéguez. Menor asegurou que estes galardóns representan o «xusto tributo de Galicia á excelencia creadora» e reafirmou que a cultura ocupa un lugar prioritario para a institución provincial. 

A Xunta estivo representada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, quen ensalzou a personalidade de Antón Losada Diéguez, forxada desde o compromiso coa dimensión internacional da cultura galega e a necesidade de ter unha voz propia no mundo baixo un pensamento aberto e integrador. Pardo equiparou a súa figura á de outros pais do galeguismo contemporáneo como Castelao, Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas ou Cabanillas. O delegado territorial aproveitou a cita para poñer en valor a implicación da Xunta no coidado das infraestruturas culturais, destacando un investimento autonómico de máis de 100.000 euros nas obras de reforma e rehabilitación do pazo de Moldes, destinadas a restaurar as cubertas da vivenda e a capela —evitando as entradas de auga— e a mellorar o balcón da fachada suroeste do edificio histórico.