Boborás renovará o pavimento da estrada entre a Almuzara e a estación de Renfe

La Voz

BOBORÁS

cedida

As obras desenvolveranse en base a un convenio coa Axencia Galega de Infraestruturas

24 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A estrada OU-214, o tramo que vai dende a N-541 na Almuzara á estación de ferrocarril de Boborás, será remodelada e o seu pavimento renovado completamente grazas a un convenio de colaboración entre o Concello e a Axencia Galega de Infraestruturas. Tamén se dotará a este tramo dunha senda peonil. O importe do proxecto é de 209.000 euros e a obra será asumida pola AXI en varias anualidades. Neste ano acometerase un investimento de 50.000 euros e o resto no 2020. Ao Concello de Boborás lle corresponderá a responsabilidade da execución das obras. A estrada OU-214 , titularidade da Xunta de Galicia, comeza na estrada N-541, na Almuzara, e remata na estación de tren de Boborás. Ten unha lonxitude de 900 metros e unha anchura de 5,5 metros na maior parte do trazado. A circulación é duns 350 vehículos ao día. «Neste tramo o pavimento do viario atópase moi deteriorado polas rodeiras deixadas polos vehículos que semellan fochancas continuas lonxitudinais. A senda garante un espazo seguro para o tránsito de peóns nun vial con presenza de vivendas nas súas marxes», segundo se sinala dende o Concello.