Boborás lembrou a Antón Losada Diéguez na entrega dos seus premios a Axeitos e Reza

La Voz OURENSE / LA VOZ

BOBORÁS

Diz

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou no acto do pazo de Moldes

10 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os concellos do Carballiño e Boborás, xunto coa Deputación de Ourense, acordaron a mediados dos 80 crear un premio que mantivese vivo o legado e a memoria do que foi un dos persoeiros destacados da Xeración Nós: Antón Losada Diéguez. Unha convocatoria que se ten convertido nun dos premios de referencia do panorama cultural galego, nos campos da literatura e da investigación, e que onte entregou os seus trixésimo terceiros galardóns no pazo de Moldes, en Boborás. Xosé Luis Axeitos, coa súa obra Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, e Xosé Benito Reza, co traballo Terradentro, foron escollidos polo xurado como os gañadores das obras editadas ao longo do 2017 nos apartados de Investigación e Creación Literaria. Roberto Pascual, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e director da Mostra de Teatro de Ribadavia, exerceu de mantedor do acto e centrou a súa intervención nunha reflexión arredor das dúas obras galardoadas. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o deputado provincial Manuel Doval, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, a alcaldesa en funcións de Boborás, Rosa González, e a concelleira de Cultura, Patricia Torres, ostentaron a representación institucional. A entrega incluíu unha pequena acción teatral no pazo.