Ribeiro: unha cita coa historia

Juan M. Casares MEDIDA DAS COUSAS

BOBORÁS

06 ago 2017 . Actualizado a las 23:50 h.

Houbo un tempo en que falar de Galicia era falar do Ribeiro. Se boto a vista cara atrás coma o Balbino, o neno labrego que tiña memoria, lembro a miña nenez e as xuntanzas cos amigos dos pais, o aperitivo dos domingos ou as festas do Nadal. Un feixe de recordos cheos dunha verba: Ribeiro. Viticultores, adegueiros, técnicos, prescriptores, consumidores; un abano de xente que conflúe nunha comunidade imaxinada na que non se coñecen todos pero saben que son moitos ligados por unha linguaxe común: un viño con historia, con tradición, con características diferenciais verbo doutros de Galicia, de España e do mundo. É algo máis que unha marca, é o motor económico dunha comarca. Un territorio feito a si mesmo onde a auga reza, o viño fala e a pedra cala; unha paisaxe que narra a interacción secular do labrego coa súa contorna, a íntima comuñón entre o home e a terra. Unha nai que viu nacer a uns pero que a outros nos cativou a través dos sentidos, das sensacións, das enocións. Somos a denominación de orixe galega máis antiga, a representación viva da esencia de Galicia. Séculos de historia nos contemplan; unha historia común con intres difíciles dos que, coma o heroe Anteo, soubemos erguernos orgullosos. Un relato construído con intrahistorias coma a da neta que lembra a canción que adoitaba cantar a súa avoa; a do emigrante que de volta á terra mercou a propiedade onde, cando mozo, traballara ao xornal; o sono dos visionarios que fundaron unha cooperativa estable; ou dos fillos que seguindo a tradición do pai manteñen unido un patrimonio familiar. Dende a miña fiestra de Leiro contemplo esta terra señoreada polo coto de Novelle; unha escultura de montañas, vales, ribeiras e bocarribeiras. Un espectáculo de tractores seguindo un traxecto ritual, da viña á adega e da adega á viña, que se repite cada ano durante séculos sen que ninguén o estudara. Hoxe aquel neno das lembranzas ten a oportunidade de ser un máis dentro desta gran familia. Intúo que presidir o CRDO Ribeiro é algo máis que xestionar unha entidade, coido que é ser protagonista da historia. Agardo estar á altura das circunstancias.