O Céltiga perde a Javi, lesionado para medio ano

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

BARBADÁS

MONICA IRAGO

Manolo Núñez recordaba onte a acción, e non deixa en bo lugar nin o infractor, nin o colexiado do encontro

06 abr 2018 . Actualizado a las 13:40 h.

«O peor que podiamos agardar. Rotura do ligamento cruzado anterior. A ver cando o poden operar, e despois, de 6 a 7 meses de baixa». O adestrador do Céltiga, Manolo Núñez, falaba onte visiblemente tocado. El, e todo o plantel do conxunto illense ao coñecer o diagnóstico final da lesión que sufría o capitán do equipo, Javi, a raíz da fortísima entrada por atrás recibida polo mediocentro dun rival do Barbadás aos cinco minutos do encontro de Liga xogado con dúas semanas de retraso no Salvador Otero.

Manolo Núñez recordaba onte a acción, e non deixa en bo lugar nin o infractor, nin o colexiado do encontro: «Foi unha entrada brutal. E o árbitro nin amonestou o xogador do Barbadás. Si me sacou tarxeta a min por dicirlle ‘¿Como?’».

O técnico declaraba onte que «estamos moi tristes no equipo» por Javi, e a nivel grupal salienta que «perdemos un xogador importante, o noso capitán». O home fixo no dobre pivote defensivo no 4-2-3-1 de Núñez acompañado por Emilio, Manu ou Manú segundo a circunstancia o requerise.

A pésima nova converte en anecdótica a lóxica goleada do Céltiga na noite do mércores sobre o Vilagarcía na primeira rolda da Copa Deputación, 1-5. Con Manuel Mariño adiantando o cadro vilagarcián no minuto 21, Paco Reigosa abrindo e pechando a manciña no 22 e no 62, e con Phillip asinando un hat-trick en once minutos, entre o 47 e o 58.

 

Coa permanencia en xogo nos últimos sete partidos de Liga, Manolo Núñez confía en que Rubén, a fichaxe estrela do Céltiga no mercado de inverno, comece a darlle ao equipo o moito que agardan del, porque «por agora apenas nos aportou», di.