«Aprobar os orzamentos estando en minoría fala ben de nós e da oposición»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

BARBADÁS

Santi M. Amil

Xosé Carlos Valcárcel querería repetir como candidato no 2019 en Barbadás porque di que un mandato «non é suficiente»

25 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de dous mandatos na oposición, Xosé Carlos Valcárcel (O Pereiro de Aguiar, 1963) logrou ser o alcalde de Barbadás. Di que está a ser un traballo «moi satisfactorio», pero explica que «este é un concello complicado porque, despois de practicamente 25 anos de gobernar o PP, hai moitos condicionantes, hai moitas cousas que cambiar».

-¿É un deles o persoal?

-A relación co persoal queremos que sexa fluída e é fluída. Evidentemente, como en todos os ámbitos, pode haber problemas, pero máis que nada son do día a día porque pode haber diversidade de opinións. A Administración funciona cunha normativa que hai que aplicar e pódese interpretar de distintos xeitos. Esas son as dinámicas que pode haber de tira e afrouxa, pero nada máis. Hai unha gran calidade nos traballadores e estou convencido de que pretenden colaborar no benestar da veciñanza.

-¿Como está sendo a convivencia no goberno co BNG?

-Eu penso que moi boa. Evidentemente non somos o mesmo partido e, se fósemos do mesmo partido, igual sería máis fluída, pero tamén temos que pensar que dentro dun mesmo partido as dinámicas poden ser de diversidade de opinións tamén. Co BNG temos evidentemente diferenzas de opinións pero hai unha sintonía moi boa no que debe ser o futuro deste concello.

-¿E con Compromiso? ¿Non lle gustaría que entrase no goberno para ter máis estabilidade?

-Tanto Compromiso por Barbadás como Democracia Ourensana saben que este concello ten que cambiar. E para iso resulta imprescindible o apoio dos dous partidos. Nuns momentos apóianos un, noutros momentos o outro e ata o momento, estando en minoría, conseguimos que os orzamentos deste Concello se aprobaran todos os anos en tempo e forma. Iso fala ben de nós e da oposición. Eles saben que o concello ten que mudar e que a dinámica de cambio non está no PP. Nós no seu momento firmamos un acordo con Compromiso pero eles non quixeron entrar no goberno e é respectable. Creo que agora tampouco é o momento de facer propostas neste sentido.

-¿Repetirá como candidato?

-Iso non me corresponde a min dicilo. Si, se os meus compañeiros queren e a dirección do partido quere. Somos o partido máis democrático. Dito isto, gústame o traballo coa veciñanza. Unha lexislatura a maior parte das veces non é suficiente e unha segunda pode reflexar máis a realidade do noso proxecto.

-¿Ve próxima a maioría absoluta?

-A maioría absoluta hoxe non é fácil para ninguén. Nós o que pretendemos é seguir gobernando coa participación da veciñanza e contando co resto dos grupos políticos progresistas. Se nós conseguimos aumentar votos e chegamos a unha maioría absoluta, perfecto. Desde logo que a nosa actitude non cambiaría. A política ten que ser diálogo.

-¿Consultou algunha vez temas municipais co seu predecesor, Freire Couto?

-Temos coincidido nalgún momento, pero non. Cando houbo o cambio na alcaldía non houbo ningún tipo de transición. Evidentemente sería interesante, pero ninguén se brindou a falar con nós. Freire Couto foi historia neste Concello...

-¿Que recordo cre que deixou?

-Mellor que o xulguen os veciños.

-Nos recentes procesos internos do PSOE non se ten posicionado publicamente. ¿Por que?

-Eu considero, e díxenllo a todos os candidatos, que a militancia é suficientemente madura como para non ir detrás dun líder local.

-Non é así habitualmente.

-Pero iso a min non me parece o máis democrático. Eu sempre tiven as miñas ideas propias sobre quen debería liderar o partido ou non pero, se eu saio nos medios dicindo que apoio a un ou outro, a democracia desvirtúase e xa non se vota libremente. E, que a cidadanía vexa a un alcalde facendo campañas internas, non fala ben del porque un alcalde debe estar centrado nos problemas da súa veciñanza.

-¿Cre que o PSOE vai agora no bo camiño a nivel provincial?

-Se estou na executiva provincial é porque estou convencido de que Rafa era o mellor candidato e tiña a mellor estratexia para poder gobernar esta provincia nalgún momento. Ten unha experiencia local moi importante e desde que tomou a secretaría provincial está tendo unha actividade frenética. Iso faltaba no seu momento.

«Estou frustrado por non ter aínda o instituto»

A construción dun instituto é unha das materias pendentes do goberno de Barbadás e non se prevé unha solución próxima: «Agora presenta moitísimas máis dificultades que antes. Se antes era difícil, neste momento aínda máis. A cuestión está en que a área de reparto na que se ten que desenvolver, que é de iniciativa privada, está paralizada e os terreos que se lle cedan á Xunta teñen que estar completamente urbanizados. O Concello agora mesmo, a pesar de estar saneado, non ten esa posibilidade porque o custo supón ao mellor 1,5 millóns».

-¿Por que se chegou a isto?

-Houbo unha falta de previsión por parte do anterior goberno. Sabendo que o concello estaba crecendo e que se permitía a construción sistemática de novos edificios, non ter previsto desde un inicio a construción dun instituto fala moito da súa neglixencia. Ademais de construír para especular, que é o que se fixo, hai que construír para dotar de servizos á cidadanía.

-Pero vostede o esixía na oposición e prometeuno na campaña.

-Medimos bastante as palabras con iso. Nós prometemos que xestionaríamos a construción do instituto. Unha cousa é xestionar e outra cousa dicir que o iamos construír. ¿Que non me sinto feliz por isto? A verdade é que non. Estou frustrado en certa medida por non ter aínda o instituto, pero tamén temos que ver a realidade das cousas.

-¿Ten solución a carencia de persoal na policía local?

-Iso agora mesmo non. Barbadás ten seis efectivos, que son claramente insuficientes para o traballo que hai e para a poboación que temos, pero legalmente non podemos facer nada. Ampliar a plantilla non é viable agora mesmo legalmente. En todo caso, desde que chegamos contratamos todos os anos auxiliares de policía local, que este ano serán dous no verán e un no mes de decembro.