Robótica, drons e impresión 3D, reclamos de Megaxove 2017

Ofrece máis de 30 actividades de lecer e deportivas para a mocidade e ás súas familiasA edición número dezaoito celébrase en Expourense hoxe e mañá e recolle alimentos para a Operación Quilo de Amencer e material escolar para o Rally Solidario SALÓN DA XUVENTUDE


O Salón da Xuventude buscar promover valores como o traballo en equipo

Expourense celebra a edición número dezaoito de Megaxove que durante hoxe e mañá ofrecerá máis de 30 actividades de lecer, culturais e deportivas que converterán ó recinto no punto de encontro para a mocidade galega e as súas familias. Para elo conta coa colaboración de 21 expositores entre os que se atopan asociacións culturais e xuvenís galegas, federacións e clubes deportivos, ou empresas especializadas na educación e formación dos máis novos.

O Salón da Xuventude, que conta co apoio da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, cumpre a súa maioría de idade animando aos visitantes a amosar a súa solidariedade con máis desfavorecidos colaborando coa doazón de alimentos non perecedoiros que irán destinados á Operación Quilo. Tamén recollerán xoguetes en bo estado e doazóns en metálico.

A novidade deste ano será a campaña de recollida de material escolar (libretas, lapiceiros, marcadores, etcétera) que porá en marcha en Megaxove o Rally Solidario de Galicia Sport Raid Team e Escudería Ourense Raid e que entregará na vindeira proba (Madrid-Marrakech). Tamén organizarán unha exposición dos vehículos cos que corren esta competición automobilística.

Co obxectivo de atraer ao público xuvenil, entre as principais novidades desta edición destacan os obradoiros de programación e impresión 3D que ofrecerá a empresa + que 3D. Organizarán en total 2 obradoiros cada día, un ás 11.30 e outro ás 17.30 horas. Tamén ofrecerán unha charla sobre qué son as impresoras 3D e todas as súas posibilidades. Por outro lado, Escolabs fará unha exhibición de drons os dous días e impartirán tamén un obradoiro de robótica ás 11.30 horas do martes e o mércores.

Realidade virtual

Pola súa parte, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa instalará en Megaxove un Aula de Realidade Virtual. Ademais, a empresa Nenoos Ourense incorpórase a esta cita organizando varios obradoiros sobre emprendemento para nenos e nenas de entre 8 e 13 anos.

Os expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de actividades que será inaugurado no Día Internacional do Voluntariado, e cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou ó respecto ó medio ambiente.

O Salón da Xuventude ofrece a posibilidade de practicar actividades xa coñecidas polos visitantes, pero serve tamén de plataforma de promoción e descubrimento doutras actividades vencelladas ó tempo libre, á cultura ou ó deporte. Nesta cita ten cabida todo aquilo que anime á participación activa e á adopción de hábitos saudables.

Megaxove permanecerá aberto en Expourense os días 5 e 6 de decembro. A entrada é gratuíta, se ben, dende a organización apelan á solidariedade dos visitantes coas campañas postas en marcha por Amencer e polo Rally Solidario. O horario de hoxe será de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas. e o de mañá de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. O programa actualizado pódese consultar na web www.expourense.org ou no perfil de Facebook do salón. Coa celebración de Megaxove conclúe o calendario feiral de Expourense para este 2017, aínda que continuará habendo actividade no recinto, xa que o día 13 de decembro se celebra o edición número dezasete do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos. Tamén, para o sábado 16 de decembro está prevista a inauguración da pista cuberta de atletismo.

Por outra parte, Expourense traballa xa con intensidade na organización da cita feiral que abrirá o calendario de 2018, Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebrará entre o 31 de xaneiro e o 4 de febreiro. É unha das citas con máis éxito do recinto.

Participación aberta a todos coa cooperación de diferentes asociacións

O deporte será coma sempre un dos grandes protagonistas de Megaxove,. Expourense é o lugar elixido por asociacións e federacións para dar a coñecer estes deportes, programando exhibicións e torneos. As principais novidades deste ano no ámbito deportivo serán as clases de introdución ao Roller Derb da Asociación As Lobas de Morgana; os adestramentos de kung-fu do Clube Kung-Fu Barbadás e o Ximnasio Fitness Forma; as minicompeticións de Atletismo organizada polo Clube Atletismo Ourense ou o xa clásico Torneo de Xadrez Megaxove convocado polo Clube Xadrez Ourense. Ademais, os xogadores da Unión Deportiva Ourense achegaranse esta tarde ás 18.00 horas ata Megaxove para asinar autógrafos e sacar fotos entre o público presente.

Amencer

Ademais das actividades xa mencionadas, Megaxove ofrece moitas opcións de entretemento e diversión para aqueles mozos ou nenos que, acompañados polas súas familias, se acheguen ata Expourense. Unha das entidades máis activas con este salón volverá ser a Asociación Xuvenil Amencer que organizará unha ducia de actividades. Ademais da Operación Quilo, impartirán obradoiros de maquillaxe ou traballos manuais (carteiras con cómics e pulseiras, hammas, marcos de fotos, etcétera), e ofrecerán xogos de mesa e de estratexia. Non faltarán ademais os espazos para toda a familia como o Bebechán, o Ludochán ou o recuncho para pais e nais.

Outras asociacións

Outras das entidades fieis ao salón Megaxove son: a Asociación Cultural Xuvenil Cipri Gomes que impartirán obradoiros de cociña Masterchef e de traballo manuais; Cruz Vermella Xuventude que organizarán obradoiros con material reciclado e xogos de cooperación; o CCP Xaquín Lorenzo que traerá os seus xogos populares ou a Escola de Danzas da Deputación de Ourense que fará unha actuación o martes ás 19.15 horas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Robótica, drons e impresión 3D, reclamos de Megaxove 2017