«Temos capacidade para manter o crecemento nos vindeiros anos»

Destaca que o 43,76 % da poboación está na franxa de entre 0 e 38 anos de idade


ourense / la voz

O municipio de Barbadás constitúe un caso paradigmático no que á evolución poboacional se refire dentro da provincia de Ourense. Nun territorio envellecido que perde habitantes o concello experimentou un crecemento superior ao 103 % nos últimos anos. Dende que se deu a coñecer a cifra do INE (10.638 habitantes a 1 de xaneiro de 2016) Barbadás xa conseguiu incrementar poboación: segundo o padrón de habitantes, na actualidade están censadas no municipio 10.907 persoas. Para o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, o máis importante do «fenómeno Barbadás» é que a pirámide de poboación conta cunha base sólida que garante o futuro.

-O efecto chamada das vivendas na Valenzá mantén o tipo?

-Na actualidade a realidade mudou con respecto a esa circunstancia. O que estamos vendo é que se está fixando poboación nos pobos do municipio. A xente opta por vivendas unifamiliares e por construír na zona rural. Iso non quere dicir que non siga sendo A Valenzá un referente á hora de atraer poboación, aínda que mudou un chisco ese esquema.

-O rápido crecemento pasou factura na planificación de servizos?

-Si porque aquí basearon todo na especulación co chan e na construción, sen planificar axeitadamente as necesidades de futuro. A gardería non dá acollido aos nenos que solicitan praza -habilitamos axudas para os que se quedan sen ela e deben ir ás privadas- e infraestruturas como a piscina ou o polideportivo, que se inaugurou hai só catro anos, non están dimensionadas para dar resposta as necesidades da poboación que temos. Agora estase rematando o Centro de Saúde, que se fixo nun lugar pouco convinte por non reservar un espazo axeitado, e seguimos pendentes de ter un instituto. Isto resolverase cando se materialice a área de reparto pendente.

-A tipoloxía da poboación xera unha maior demanda?

-Si. Temos unha media de idade moi nova e isto aporta un maior dinamismo ao pobo, ao tempo que una maior demanda de servizos e actividades. En principio todas as necesidades están cubertas e a proximidade con Ourense complementa aqueles servizos que non hai nun concello das dimensións do noso.

-Cre que se manterá a tendencia que se rexistrou nestes anos?

-Temos capacidade para manter o crecemento nos vindeiros anos e contamos cunha pirámide de poboación que garante o futuro. Barbadás conta con 1.555 veciños no tramo de entre 0 e 12 anos, o que supón un 14,26 %, 1.308 na franxa de 13 a 25 anos (11,9 %) e 1.910 na que vai dos 26 aos 38 anos (17,51 %) o que supón que o 43,76 % do padrón é xente nova. Isto dálle unha perspectiva de futuro que non é a do resto da provincia.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

«Temos capacidade para manter o crecemento nos vindeiros anos»