Da enxeñaría e o téxtil ó barro: o proxecto artesanal de Olería do Batán

BAÑOS DE MOLGAS

Maricarmen Doval y Miguel Carrera, de Oleiría do Batán
Maricarmen Doval y Miguel Carrera, de Oleiría do Batán ALEJANDRO CAMBA

Miguel Carrera e Maricarmen Doval recuperan un oficio familiar, apostando polo emprendemento rural, a artesanía e a produción de mel

15 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Maricarmen Doval e Miguel Carrera son os titulares de Olería do Batán, un proxecto que arrancou en Baños de Molgas no ano 2018. «Naceu porque eu era do pobo dese nome, no concello de Maceda, que era lugar de oleiros», explica Miguel ó detallar que a tradición familiar levaba extinguida trinta anos. O seu pai, Manuel, que nacera na zona de Tioira, foi durante moito tempo o único que quedara exercendo o oficio na contorna. Pero a emigración, causada pola ditadura, e despois o despoboamento fixeron que a actividade minguase. No ano 1988, co falecemento de Manuel, desapareceron os artesáns desa localidade. Miguel, que mantén a súa profesión de enxeñeiro agrícola, decidiu hai oito anos recuperar as formas tradicionais, primeiro cun museo na casa de súa nai e despois elaborando cerámica el mesmo coa súa muller.

Maricarmen, que traballara no sector téxtil, quedou no paro e viron a oportunidade de iniciar esta aventura: «Comprobamos que había incentivos para establecerse no rural e animámonos», relata. «O inicio foi ensaio-error, ir probando, ir probando», di Miguel sobre a aprendizaxe do oficio, xa que non se formou directamente co seu proxenitor. «Cando faleceu o meu pai eu tiña 18 anos e non estaba interesado», lembra. Para avanzar, falou con xente que sabía e foi recollendo ideas ata atopar o seu estilo propio.

«Na olería de Tioira a cor do barro é diferente á de Niñodaguia. O noso é laranxa, un pouco máis fino e menos poroso. Por unha parte seguimos as formas tradicionais, preparando a materia prima e moldeando como se facía antes, para recuperar o oficio. Pero tamén temos unha liña máis moderna, nosa, na que traballamos con materiais como o gres ou con esmaltes», sinala sobre a súa produción. Así, fabrican creacións típicas de Tioira como olas, canabarros, xarros ou chocolateiras, ademais de útiles propios da época, que combinan con outras arxilas e gres comerciais para a elaboración de obxectos de cerámica con deseño singular, mesturando diferentes compoñentes con óxidos para a decoración. O taller está situado na aldea de Froufe e conta cunha área de exposición e venda máis ampla. A fabricación é pequena e venden case todo o que sacan adiante, polo que, polo de agora, non teñen intención de expandir o negocio. Ademais de realizar obra propia, tamén organizan obradoiros para poucas persoas e acoden a colexios para facer demostracións e que os nenos experimenten coa contorna. «Intentamos dinamizar un pouquiño o rural», afirma Miguel.

A súa aposta pola terra e pola aldea tradúcese tamén en cen colmeas e na súa marca de mel, Fervenza. Este produto lánzase case integramente a particulares, xa que todo o que producen está vendido. «Intentamos combinar todo», di sobre como compaxina o emprego, o barro e as abellas, vivindo sempre no pobo desde que casaron. O matrimonio traballa co apoio da Fundación Artesanía de Galicia —Miguel di que é imprescindible— que lles informa de feiras e subvencións para poder manter o traballo. «É importante saber que tes alguén detrás que te apoia e así manter a nosa actividade no pobo, que é onde queremos estar», afirma o artesán.