«O espectáculo é un percorrido pola miña carreira profesional»

BAÑOS DE MOLGAS

Santi M. Amil

O humorista Moncho Borrajo  volve á cidade coa súa nova proposta escénica

26 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O humorista Moncho Borrajo (Baños de Molgas, 1949) volve á cidade coa súa nova proposta escénica. No Auditorio de Ourense estará esta tarde coa montaxe «Cosas Mías 2». A sesión comezará ás 19.00 horas e o artista promete máis de dúas horas de diversión garantizada.

-Que é «Cosas mías 2»?

-É un espectáculo á carta. A xente parábame pola rúa para preguntarme por que xa non metía cousas como as referencias aos adosados ou o chiste do baño, entre outras, e decidín crear esta antoloxía que é un percorrido pola miña traxectoria profesional. Como é lóxico 46 anos sobre o escenario dan para moito.

-E decantouse por?

-Abro cunha cantiga que retirara hai tempo, «Tiempos mejores, tiempos peores para vivir», obviamente adaptada á miña experiencia. E logo volvo a algúns dos temas clásicos nos meus espectáculos de sempre: o monólogo dos adosados para meterme cos «pijos», o dos veraneos oficiais en Sanxenxo e Baiona, o do retrete turco -que é así unha cousa un pouco escatolóxica- e seguro que haberá algunha chamada de Bélxica -non sei se falarán en castelán, en catalán ou en flamenco... vai ti a saber!-.

-Daquela a actualidade pasará por Cataluña?

-Non só iso. O espectáculo remata cunha conversa que manteño cun piñeiro, na que me explica que non entende como arde todo, nin que todo estea cheo de eucaliptos nin por que hai incendios.

-Enfrontarse en solitario a dúas horas de espectáculo non supón un gran esforzo?

-Vai con cada un. Unha vez estabamos Gila e máis eu nun aeroporto esperando para subir a un avión e achégase unha persoa e pregunta: Quen é o mellor cómico de España? E Gila resposta: Isto é como as olimpiadas; Moncho Borrajo é corredor de maratón e eu de 100 metros lisos, con más de 45 minutos xa aburro á xente. Tamén che digo que en Ourense van ser moito máis de dúas horas.

-E iso?

-É unha hora boa e dálle tempo a vir aos meus veciños de Allariz e Baños de Molgas. Daquela ten que ser unha sesión especial, como require un encontro cos amigos.