A fareira que alumea terra adentro

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

BANDE

cedida

A directora do CEIP do Foxo, Rosa Ferreira, recibiu este venres un sentido homenaxe da comunidade escolar polos seus 43 anos de entrega ao ensino

28 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O CEIP do Foxo non é un colexio calquera. Nel a cultura galega e o orgullo do propio están moi presentes. Desde o propio lema do centro ata a súa nómina de ilustres visitantes. O colexio adoptou como imaxe unha rama de buxo, símbolo de compromiso co propio e de resistencia. Como lema, unha frase esperanzadora de Varela Buxán: «O mellor faro para impedir que os pobos tropecen é unha escola».

E o faro do CEIP do Foxo é dos que alumean ben forte. Nesa potencia de luz ten moito que ver a fareira Rosa María Ferreira Castro, que suma 43 anos de entrega á docencia e 32 desempeñando cargos directivos neste colexio rural estradense que ademais ven dirixindo desde 1998.

Rosa Ferreira comezou o seu labor docente no CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira no ano 1980 e, tras pasar los colexios Varela Buxán de Cercio, Manuel Vidal de Pontevedra e a escola de Dimo (Catoira), conseguiu praza definitiva no CEIP do Foxo. Posteriormente acadou praza no IES Losada Diéguez, pero nunca chegou a incorporarse, quedando no CEIP do Foxo en comisión de servizos. A innovación, a dinamización cultural e a promoción da lectura son só tres das súas teimas nun centro que onte lle quixo devolver unha pequena parte do recibido cunha calorosa homenaxe. Con motivo da celebración do Día das Bibliotecas Escolares, a comunidade escolar do CEIP do Foxo agasallou a Rosa Ferreira cunha aperta que non esquecerá na vida. Ducias de persoas conspiraron para que Rosa tivese o agasallo perfecto: un sentido acto como os que tantas veces ela organizou para render tributo a persoeiros da cultura galega. Esta vez foi ela a que foi recibida á entrada do colexio coa cantiga Da Rosa, Rosita, Rosiña e a que tivo que levantar a sacha para plantar unha roseira no Xardín da Poesía no que medran as árbores de Ledicia Costas, Xosé Manuel Lobato ou Armando Requeixo.

O acto incluiu tamén a presentación do libro Palabras para Rosa. Homenaxe a Rosa María Ferreiro Castro, directora do CEIP do Foxo, un regalo impagable coordinado por Xosé Luna e editado polo colexio no que Valentín García, Alonso Montero, Armando Requeixo, Rosalía Morlán, Charo Golmar, Manoele de Felisa, Xosé Manuel Lobato, Luchi, Ramiro Cimadevila e o propio Xosé Luna converten en poesía o seu agradecemento á directora.

Unha peza musical, un recital poético e unha entrega final de agasallos fixeron imposible que Rosa Ferreira puidera conter as bágoas nun acto no que foi proclamada nada menos que coma «a luz que alumea no faro, a que sempre nos vai guiar».