Tirar da lingua ten premio en Bande

Maite Rodríguez Vázquez
Maite Rodríguez OURENSE / LA VOZ

BANDE

Ángela Pérez Vázquez, alumna do IES de Bande, gañadora do certame Tíralle da Lingua na categoría de primeiro ciclo da ESO
Ángela Pérez Vázquez, alumna do IES de Bande, gañadora do certame Tíralle da Lingua na categoría de primeiro ciclo da ESO Santi M. Amil

Ángela Pérez, de terceiro da ESO, gañou a viséxima edición do certame galego de relato oral, un concurso no que o seu instituto é laureado curso tras curso

30 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ángela Pérez Vázquez vén de gañar a edición de 2021 do certame de relato oral Tíralle da Lingua, na súa vixésima edición. É alumna de terceiro de ESO do IES Aquis Querquernis de Bande, centro que leva nove anos participando neste concurso de ámbito galego e que sempre acada algún recoñecemento. Desta volta, Ángela gañou o primeiro premio na categoría de primeiro ciclo de ESO, preparando a interpretación e posta en escena do relato Os chepudos e as bruxas.

«Meu profesor deume varios relatos a escoller e gustoume este para interpretalo e porque se podía dramatizar», comenta a gañadora. Era un texto de dúas páxinas e duraba uns catro minutos para contalo. Os intérpretes poden facer variacións para adaptalo a súa forma de expresarse. Este é un texto de autor, pero outras veces elíxense historias populares. É un bo exercicio de memorización, valora a alumna. Ángela, veciña de Xordos (Bande), é galegofalante e gústalle ler, tanto en galego, como en inglés ou castelán, di.

Como xa acontecera no curso pasado, a causa da pandemia a fase final do certame, que organiza a AS-PG (Asociación Socio-Pegagóxica Galega), fíxose en formato gravado. Ángela Pérez conta que lle saíu ben á primeira, e iso é porque practican moito nas clases de Lingua Galega co seu profesor Xoán Carlos Domínguez.

Esta alumna xa participara en anteriores edicións, e o xurado —formado pola ensinante Beatriz Maceda, a filóloga Enma Pedreira e a bibliotecaria Xiana de la Peña— seleccionouna como a mellor da súa categoría. O premio inclúe cartos como agasallo. No laureado IES banduense xa preparan a edición do curso 2021/22, cunha primeira selección de participantes que se fai no centro.