Os centros educativos de Bande dedican esta semana aos oficios da cultura rural

O escritor Manuel Rivas será o protagonista do encontro cos alumnos do IES e do CEIP o vindeiro venres


ourense / la voz

Os centros educativos de Bande, IES Aquis Querquernis e CEIP Xoaquín Lourenzo «Xocas», serán escenario esta semana do primeiro encontro de cultura popular dedicado a «os outros oficios». «Quérese traballar nunha múltiple dimensión: oficios que viven, perviven ou reviven o mundo rural», describen os organizadores, que son o Equipo de Normalización de Dinamización Lingüística, a biblioteca do IES e do CEIP e máis o club de lectura do centro de secundaria. O obxectivo é «visibilizar mostras de diferentes manifestacións culturais e a súa interdependencia coa lingua galega».

Escolleron representantes de tres sectores, a cestaría, a ferraría e a cociña, dos que se farán obradoiros e exposicións, combinando con actividades de música e literatura. O vindeiro venres, o escritor galego Manuel Rivas estará cos alumnos do Xaquín Lourenzo e do Aquis Querquernis, nunha mañá na que ademais do encontro co autor, haberá un espectáculo poético-musical, unha sesión de conta contos -incluíndo a representación dun relato de Rivas- e a proxección dun audiovisual sobre este escritor.

Iso será o venres pero toda a semana haberá encontros con artesáns e profesionais de distintos oficios. Hoxe mesmo, Olga Dorado será a protagonista da xornada, denominada Cesteando, na que haberá unha exposición de cestas e un obradoiro. O mércores, Breogán Pérez contará como é «Ser ferreiro» e levará unha mostra dos seus traballos. O xoves, o cociñeiro Martín Álvarez disertará sobre as propiedades da ortiga.

Estas tres xornadas de oficios serán na biblioteca do CEIP, mentres que o encontro con Rivas será no IES.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Os centros educativos de Bande dedican esta semana aos oficios da cultura rural