Ellis Island, cen anos despois

O Consello da Cultura leva o relato da emigración galega a Nova York a través da mostra «Os adeuses», que se inaugurará o vindeiro 9 de febreiro 

Unha nena agarda pola súa nai sentada nas maletas na Coruña de 1963, nunha das instantáneas da exposición «Os adeuses» que viaxará a Estados Unidos
Unha nena agarda pola súa nai sentada nas maletas na Coruña de 1963, nunha das instantáneas da exposición «Os adeuses» que viaxará a Estados Unidos

santiago / la voz

Moitos anos despois, falaríalle á súa neta Isabel da estatua da Liberdade. De como aquela muller cun facho ergueito foi a primeira imaxe que gardou dos Estados Unidos. Chegou, coma tantos outros, en barco. Nas mans levaba un pasaporte cun nome trabucado. El pagara para entrar legalmente, pero houbo unha confusión. «Ou marchas agora, ou non se sabe cando poderás ir», dixéronlle. Pedro Vidal Estévez, de Garabelos (Bande), chamábase naqueles papeis Esteban, ou algo semellante. Os apelidos, nin se sabe.

Certificado de nacionalidade de Pedro Vidal, natural de Garabelos (Bande), un dos emigrantes que accederon aos Estados Unidos por Ellis Island
Certificado de nacionalidade de Pedro Vidal, natural de Garabelos (Bande), un dos emigrantes que accederon aos Estados Unidos por Ellis Island

«Eu vía ese pasaporte na casa sendo unha nena, que non tiña nada que ver con meu pai», que xa emigrara aos 18 anos a Cuba. E logo Arxentina. E logo outra vez Cuba. Era home de lei, e foise rexistrar ao consulado co seu nome correcto. Ese certificado de nacionalidade aínda se conserva. Na casa de María Vidal o recendo a caldo mestúrase coas lembranzas e coa ledicia. Cen anos despois, Pedro Vidal Estévez volverá a Nova York. E a súa voz axudará a debullar a historia da emigración galega. O Consello da Cultura inaugurará o vindeiro 9 de febreiro a exposición Os adeuses en Ellis Island. A primeira vez que a emigración galega está presente neste foro.

«Era o punto previo onde se concentraban os emigrantes e lles concedían o permiso de entrada, examinábase se tiñan enfermidades e ata os antecedentes políticos, no caso de anarquistas e outros». Explícao Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura e especialista en historia da emigración galega. Ellis Island é un símbolo. Un anaco de historia pendurado no tempo. O recordatorio de que a mestura é o que mellora o mundo.

Pedro Vidal, coas súas mans, construíu durante dez anos anacos enteiros de Nova York. Vivía do outro lado da ponte. Íano buscar todos os días en furgoneta. «Empezou a traballar nunha compañía de construción. Teño entendido que arranxaba rúas, beirarrúas, creo que o metro...». Traballaba arreo. E rematou sendo capataz. «Dixo que si sempre e cando os obreiros os escollera el». Escolleu galegos. «Meteu todos os que puido aí, e, cando non podía, colocábaos alá onde fose quen». Correuse a historia. «Escribíanlle dicíndolle que ía tal persoa ou tal outra. Aí estaba el axudando e tratando de empregar a todo o mundo. Galegos non quedaba ningún fóra».

A exposición está dividida en tres partes: A ida (na imaxe a despedida de familiares no porto en 1957), a volta e o secuestro do buque Santa María
A exposición está dividida en tres partes: A ida (na imaxe a despedida de familiares no porto en 1957), a volta e o secuestro do buque Santa María

Mesmo salvou e deu traballo a algún compañeiro ao que obrigaron a agocharse nun saco de bacallau na travesía. Chegou o barco. Pedro agardaba polo seu compadre no porto. E o pasaxeiro non baixaba. Reclamouno, buscouno. «Estaba teso entre as follas de bacallau. Vivo, pero teso». Outros quedaran no mar. As mafias só cobran, non senten. E, ante o perigo, lanzaban os polisóns á auga.

A historia de Pedro é a de tantos outros galegos emigrados a Nova York, concentrados en Astoria, en Brooklyn, en Newark, en Cherry Street. «É un destino que mostra dimensións da emigración galega que non son coñecidas», afirma Núñez Seixas. «Teñen unha inserción sociolaboral non tan característica do conxunto da emigración galega», que se adoita asociar ao comercio. En Nova York traballaban no porto. Socializáronse en sindicatos americanos e iso «deulles un papel sobranceiro, sobre todo nos anos da Guerra Civil, porque estaban moi concienciados e crearon organizacións propias». A Guerra colleu a Pedro Vidal en Bande. Xa nunca regresou a Nova York. Ata agora. Canda el, viaxarán unha selección das fotografías de Alberto Martí que contan a historia da diáspora galega.

Un grupo de familiares despiden a emigrantes no porto da Coruña no ano 1957, nunha das imaxes máis icónicas da exposición «Os adeuses»
Un grupo de familiares despiden a emigrantes no porto da Coruña no ano 1957, nunha das imaxes máis icónicas da exposición «Os adeuses»

E un programa de actividades en colaboración co investigador James Fernández, o Instituto Cervantes e as universidades de Columbia e da Cidade de Nova York, que falarán de todas esas historias que son as da familia de Pedro. O fillo maior, aos 15, marchou á Arxentina. O segundo e o terceiro, aos 17 e 18 anos, a Venezuela. O seguinte, a Francia, pero regresou a Bande. O quinto, a Barcelona. E María, a Caracas, onde tivo unha fábrica de confección que deixou nos 90. Ela garda na memoria aquel primeiro mercado inzado de froitas. E ten saudade de Venezuela todos os días.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
65 votos
Comentarios

Ellis Island, cen anos despois