O Marcos Valcárcel superou os 100.000 visitantes no 2018

La Voz OURENSE / LA VOZ OURENSE / LA VOZ

BANDE

Santi M. Amil

A mostra sobre os suevos converteuse na exposición máis visitada, ao pasar máis de 25.000 persoas pola mesma 

09 ene 2019 . Actualizado a las 08:14 h.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel pechou o pasado ano cunha cifra histórica de visitantes: máis de 100.000 persoas pasaron polas instalacións do edificio da Deputación para participar nas súas propostas. O apartado expositivo, con máis de 62.000 visitantes, ocupou o principal centro de interese da programación e outras 40.000 persoas pasaron polas outras actividades. Un apartado este último que acolle ao longo do ano actividades tan diversas como congresos, presentacións, concertos, sesións de cata e mesmo no 2018 unha boa parte das actividades do (OUFF).

No apartado expositivo a diferenza e o salto cuantitativo marcouno a mostra sobre os suevos. Por In tempore sueborum (O tempo dos suevos) pasaron máis de 25.000 visitantes. Unha cifra, a de persoas que se achegaron a coñecer este proxecto, que foi moito maior se temos en conta que foron outros espazos expositivos (Museo e Santa María Nai) os que acolleron parte da mostra.

Outras que tiveron unha especial acollida foron os proxectos Aoutorretratos, unha colectiva de artistas ourensáns pola que pasaron preto de 3.000 persoas, as mostras de Xesús Vázquez e Pepe Galán (2.000 persoas en cada caso), a de Xoán Crespo sobre o entroido ou a mostra Retrato maior do noso cine, que serviu como experiencia para potenciar o uso da Sala 0 e o vestíbulo do edificio como un espazo conxunto de exposición. Pola mostra da Fundación Carlos Velo para o OUFF pasaron 1.100 persoas. En total foron 21 as que o Simeón acolleu no 2018. Entre o programa de actividades hai que salientar convocatorias como o ICC Week, o ciclo Cata a Arte, os congresos, os concertos -este ano sumouse o ciclo Alhambra- e as citas do Festival de Cine.