As Xornadas de Folclore despregan os seus encantos en Bande e Trives

E. Filgueira OURENSE / LA VOZ

BANDE

Durante dez días, os grupos procedentes de seis países diferentes, percorrerán a provincia cos seus espectáculos

07 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Bielorrusia, Arxentina, Ucraína, Sudáfrica, Tahití e Colombia son os países que este ano participarán nas trixésimo quintas Xornadas de Folclore que aproximarán o mundo a Ourense. Despois da cerimonia de apertura de onte no Teatro Principal da capital, os grupos pasarán por diferentes concellos dando mostra da súa cultura.

A praza da Constitución de Bande acollerá hoxe, ás 20.30 horas, ao Ballet Calden Gaucho procedente de Arxentina -trinta persoas conforman o grupo entre bailaríns, músicos e asistentes de distintas partes do país- que conta no seu repertorio con bailes como o tango, o malambo e as boleadoras. Tamén actuarán Amazebra Youth Organisation, de Sudáfrica, que naceu o mesmo ano en que Mandela chegou ao goberno instaurando a democracia no país. Trátase dun grupo que dende 1994 ofrece oportunidades aos mozos sudafricanos que buscan dedicarse profesionalmente á música, ao canto e á danza.

A formación de Bielorrusia será a terceira que suba ao escenario en Bande. Belaya Rus -que significa Rusia branca- homenaxeará o folclore do país cos seus característicos traxes de cores e instrumentos típicos.

Trives será o outro escenario da provincia que bailará ao son do folclore. Concretamente ao ritmo que impoñan a compañía artística Danzar -de Colombia- o Hei Show Tamure -de Tahití- e Poltava -de Ucraína- amosarán ao público a súa experiencia nos festivais de medio mundo. Os colombianos naceron no 2005 en Cali para fomentar a formación artística e a cultura tradicional entre os mozos; mentres que os tahitianos forman parte da comunidade do país que reside en Francia que buscan conservar as súas tradicións namentres están no país galo. Os ucraínos pertencen a unha formación cuxa historia comezou en 1922.