A Fundación Curros Enríquez incorpora cartas de Faustino Santalices

La Voz OURENSE / LA VOZ

BANDE

Santi M. Amil

Proveñen dunha doazón de Eligio Rivas, a quen ían dirixidas as misivas manuscritas polo músico e investigador de Bande

19 abr 2018 . Actualizado a las 20:43 h.

Dúas cartas de Faustino Santalices, manuscritos datados en abril de 1954, forman parte das cinco novas achegas vinculadas co músico e investigador de Bande que a Fundación Curros Enríquez incorpora ao seu arquivo. A documentación veu, segundo informou a Fundación, nunha doazón realizada por Eligio Rivas, receptor das misivas. Nelas, Faustino Santalices lle pide ao seu amigo, que se atopaba en Inglaterra, que lle envíe material de gaita dun taller e alúdese a unha entrevista que Santalices lle concedera á BBC.

O resto do material de Rivas son recortes de prensa do ano 2000 nos que se informa de homenaxes a Faustino Santalices. O investigador recibiu recoñecementos tralo seu falecemento polas súas investigacións sobre a música galega e, en particular, sobre a zanfona. Dicía que era discípulo do gaiteiro de Penalta, a quen cantou Curros Enríquez .

A biblioteca e o arquivo da Fundación Curros Enríquez, na Casa dos Poetas, xa ten máis de 3.500 volumes relacionados coa cultura galega.