Xuntanza de cregos en Bande

José Pérez Domínguez

BANDE

29 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O próximo venres, día catro de xuño, os cregos nacidos na Baixa Limia e máis aqueles que se senten fillos adoptivos da zona celebran a súa reunión anual, nas instalacións da comunidade parroquial de San Pedro de Bande. Son máis dunha vintena e contan entre eles cun grupiño de sacerdotes novos, que son a mellor esperanza levítica tanto para a zona coma para a diócese ourensá. En dez anos fomos pasando polos distintos santuarios marianos da Baixa Limia: o Viso, a Chamadoira, o Xurés, a Aparecida, os Milagres de Couso de Salas, a Peneda, as Candeas en Loiro. Estivemos en Santa María de Entrimo e, no ano santo paulino, visitamos a parroquia de San Paulo en Quintela de Leirado. Este ano, chegamos a capitalidade do partido xudicial: Bande.

Por estarmos no Ano Sacerdotal, celebraremos a misa de Cristo, Sumo e Eterno Sacerdote, pedindo por tódolos presbíteros para que vivamos a nosa vocación de santidade e de entrega a nova evanxelización, sendo para todos testemuñas de Cristo. Teremos unha oración moi especial polas vocacións á vida sacerdotal e consagrada, polo seu aumento e pola perseveranza nos seminarios, onde se están a formar para ser futuros sacerdotes. Cumpriremos, coma tódolos anos, cunha das finalidades de estes encontros: rezar polos membros defuntos da irmandade. Pediremos por don Francisco, cura do Baño; por don José, cura de Bande; por don José, cura de Dacón. Remataremos cunha comida, adobada polos comentarios sobre o acontecido no ano que se foi.