17 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai apelidos que identifican sagas familiares que son como unha denominación de orixe. Para o bo e para o malo. E tamén que son capaces de condicionar de forma radical a realidade: cando alguén fala do Concello de Baltar non son poucos, sobre todo de fóra da provincia, os que debuxan no seu imaxinario un término municipal no que o presidente da Deputación goberna ao seu antollo e cando por aí adiante se escoita iso do «belén de Baltar» hai quen matina no político dándolle á ferramenta para modelar a madeira e o barro para crear o conxunto escultórico.

Aínda que de sempre existiu outro Baltar, Arturo de nome, que foi apañando sensibilidades, formas, volumes, sentimentos, luces, enrugas e vivencias para facelas arte grazas ao sen coñecemento e dominio da materia. Cunhas mans que sempre souberon tirar do barro as imaxes que estaban dentro da terra agochadas, Arturo Baltar coñeceu tempos difíciles no ideolóxico e no social, compartiu tertulias e inquedanzas con algúns dos artistas e intelectuais máis prestixiosos que diu Ourense durante o pasado século e foi arquivando toda unha ristra de vivencias, experiencias e acontecementos ao tempo que ía creando pezas maxistrais que se foron esparexendo por museos e espazos públicos, e aínda máis por coleccións privadas ou de institucións.

Agora Arturo Baltar vai ser obxecto de merecido homenaxe na Insua dos Poetas, promovido pola Deputación e polo escritor Luís González Tosar, e ao mellor é chegado o tempo no que alguien, sexa algún dos seus bos e fieis amigos ou calquera institución, debera convencer ao escultor para deixar branco sobre negro todos aqueles recordos, episodios, lembranzas, proxectos, ideais, movementos e vivencias que foi atesorando ao longo dos seus anos e que poden aportar luz e unha visión diferente da realidade dunha sociedade, a ourensana do pasado século, que coñeceu como ninguén e da que foi un protagonista privilexiado.