Antón Pulido, a polifonía dun prato de percebes

AMOEIRO

Óscar Vázquez

Deseñador gráfico, ilustrador, editor, cantante, xogador de xadrez e de baloncesto, o pintor de Amoeiro que atrapou o feitizo e a intensidade da Galicia de noso cumpre 80 anos

20 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquel verán, Antón Pulido regresara do Seminario para gozar coa familia duns días de descanso en Amoeiro. Era sabedor de que a poucos quilómetros da súa casa vivía Ramón Otero Pedrayo, polo que decidiu coller a bicicleta e así acurtar a distancia entre Bóveda e o pazo de Trasalba. Don Ramón recibiu a chegada daquel rapaz espelido con alegría e dende entón trabaron unha amizade que non deixou de medrar. Nunha ocasión subiron xuntos ao Alto do Piñeiro, alí co caxato ergueito Pedrayo afirmou: «Esta é unha das paisaxes máis fermosas de Galicia», ante os seus ollos a serra da Martiñá, que tantas veces pintou Pulido.

En 1972, expuxo a súa obra no Museo Arqueolóxico de Ourense e non dubidou en pedirlle a Otero que o apadriñase. De seguro, naquel momento era o mellor orador de Galicia, estaban unidos polos chaos de Amoeiro e o amor inquebrantable ao país, á súa lingua e á súa cultura. As palabras dedicadas polo petrucio naquela velada resoan hoxe coa mesma forza, pois: «Pinta con aire sorprendido de xuventude [...] coma o orballo, como a gracia no ollar dos rapaces, loce nas pinturas de Pulido un feitizo de mañá de primavera».

Lembra o pintor que súa nai cantaba coma os anxos e tamén aquel día en que seu pai lle regalou unha harmónica, o mellor agasallo da súa vida. Con só oito anos comezou a tocar de maneira autodidacta e xa entón tiña sona de bo pintor, un talento que seu pai, mestre de escola, sempre alentou. Cando entrou no Seminario de Ourense, axiña se decataron da súa valía e elixírono tenor solista da Escola Cantorum, tamén dirixiu a rondalla e formouse durante tres cursos en gregoriano na Universidade Pontificia de Salamanca. Como di a Biblia, os camiños do Señor son inescrutables e os de Pulido non transitaban polo vieiro eclesiástico, pois decidiu desistir un curso antes de recibirse como sacerdote. Quen sabe se perdemos o primeiro Papa galego ou a un afamado cantante, pero gañamos a un artista plástico, unha paixón que se impuxo sobre as demais.

Non tardará en aprobar as oposicións de mestre. O seu primeiro destino foi Santa María de Casaio, en Pena Trevinca, onde queda fascinado polas paisaxes que aparecen en varios dos seus cadros. Para entón xa namorara de Fina Cid, a súa inseparable compañeira de vida, a muller que sempre entendeu e apoiou o artista, coa que despois de máis de medio século segue a camiñar da man.

Durante unha década, o casal viviu en Barcelona, onde Pulido perfecciona novas técnicas, ao tempo que se licencia na Facultade de Belas Artes. Son anos intensos, de numerosas exposicións, tamén de recoñecementos, sen esquecer o labor de mestre, pois dirixía o colexio Juan Ramón Jiménez, onde formou un coro infantil. Cando regresan asentan en Vigo, alí exerce como profesor de debuxo ata a súa xubilación, no IES Álvaro Cunqueiro, de Coia. O seu carácter inquedo non lle permite ter unha soa angueira e foi nesta etapa cando asumiu compromisos políticos como a Dirección Xeral de Cultura ou a de primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea. O certo é que pouco dura nestes cargos, Pulido é un artista brillante que foxe da burocracia, porque a arte está por riba dos despachos.

Durante a súa carreira artística realizou exposicións en Barcelona, Madrid, pero tamén Taipei, Beijing, Shanghai, Seul ou Roma, por citar só algunhas capitais. De seguro un dos seus éxitos como artista foi a intervención urbana no cruzamento de Peniche, onde creou a praza das Apertas. Arredor da súa obra a xente senta e comparte tempo e agarimo, ao igual que cando el está presente en calquera reunión, é a voz cantante, non só por non dubidar en interpretar as célebres cancións napolitanas, tamén porque é un conversador excepcional, un contador de historias e vivencias, un home sabio.

Deseñador gráfico, ilustrador, editor, músico, cantante, xogador de xadrez ou de baloncesto, pintor, en definitiva, artista. Pulido destaca pola súa bonhomía, polo seu carácter colaborador e comprometido, así o demostra a súa pertenza a varias fundacións e asociacións culturais, entre elas a dos Premios da Crítica de Galicia, que o vindeiro 19 de outubro lle renderá unha homenaxe en Vigo con motivo do seu 80.º aniversario.

O 25 de setembro de 1944, nacía un dos artistas máis importantes de Galicia e festexámolo coa mesma forza pictórica das súas kermesses, coa intensidade das súas paisaxes e coa sensibilidade das maternidades. Grazas Antón, por pintar a Galicia de noso con dimensión poética, polo ceo, a escuridade, pero tamén pola luz, polo ritmo, pola polifonía abstracta que nace nun prato de percebes.