Antón Pulido: «Na vida hai que soñar e hai que ter ilusión, se non non vale nada»
AMOEIRO
O pintor acaba de recibir o premio da Cultura de Galega 2021 no campo das artes plásticas
07 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O nome de Antón Pulido (Amoeiro, 1944) é sinónimo de creación plástica en Galicia. E iso que a súa obra viaxou polo mundo. Os cadros deste ourensán afincado en Vigo formaron parte de exposicións en Corea, en China ou en Estados Unidos. Foi director xeral de Cultura da Xunta nos anos noventa e tamén a persoa que puxo a andar o Centro Galego de Arte Contemporáneo. Toda esa traxectoria e, sobre todo, a súa creación convertérono no Premio da Cultura Galega 2021 na categoría de artes plásticas.
—Impón respecto un recoñecemento deste tipo?
—Sempre o impoñen. Dende o recoñecemento máis pequeno ao máis grande. Son un acicate para animarte a traballar máis e máis. Nunca me imaxinei que me darían un galardón coma este, así que recibín a noticia enchéndome de alegría.
—Vostede é un exemplo máis do ourensán de Vigo. Que lle ten aportado a cidade, que ata o nomeou Vigués distinguido no 2006?
—Sen dúbida. Eu teño que recoñecer que en Vigo estou moi ben, como dicía Manolo Tena, «llévame al mar, porque a las orillas del mar es más fácil soñar mirando las estrellas». Pero tamén penso sempre na cita de Ángel Valente de que queiramos ou non queiramos, somos o que soñamos. Na vida hai que soñar e hai que ter ilusión, se non non vale nada, e aquí teño das dúas. Nesta cidade podes pasar moi desapercibido e tamén estar intimamente conectado con todos.
—Por iso sempre leva consigo Amoeiro, de onde é fillo predilecto.
—Cando sae algo escrito sobre min nos periódicos, ás veces poñen «o vigués ourensán» e outras «o ourensán vigués». Dependendo de que vaia diante enfádanseme uns ou os outros —bromea—. A verdade é que eu teño moi claro que son de Bóveda de Amoeiro e levo a ourensanía a cada lugar no que estou, xa sexa a Barcelona, a Taiwán, a Shanghai ou a Vigo. Sempre que expoño, na miña tarxeta de presentación vai escrito o nome do meu pobo, porque para min son moi importantes as orixes de cada un.
—Precisamente hai quen ten que saír fóra para que recoñezan o seu traballo. A súa obra ten viaxado moito pero tamén se valora aquí. Que lle aportou esa experiencia internacional?
—Ter a oportunidade de saír e traballar fóra é moi positivo, a verdade. Penso que as exposicións internacionais son moi importantes para ver cara onde vai o camiño da arte. Cando vas a unha feira como ARCO nunca sabes o que te vas a encontrar, é coma quen abre un libro, pode que sexa fascinante ou que non che diga nada.
—Como ve a situación da provincia de Ourense? Que lle preocupa?
—Sempre hai cousas que preocupan no mundo da cultura. Pero os ourensáns son moi imaxinativos e continuamente nos están sorprendendo con proxectos que se fan en Ourense e en ningún outro sitio. Quizás si que habería que facer un museo importante, con moita incidencia cultural en distintas disciplinas, como temos o Marco en Vigo, ou coma é o Centro Galego de Arte Contemporáneo de Santiago, do que eu fun o primeiro director. Penso que estes espazos crean grande dinamismo e van xerando iniciativas noutras vertentes diferentes das artes (música, poesía, arquitectura, teatro...).
—Ten contado que seu pai o animaba a pintar. Canta importancia cre que ten esa motivación da familia na infancia?
—Eu fun moi teimudo coa miña pintura, de feito fixen Belas Artes despois de Maxisterio, ou sexa, sendo xa maior. De neno era un rapaz moi traste e tiña moitas ocorrencias. Logo aprendín a plasmalas no papel. Meu pai era mestre de escola e cando me levaba con el, deixábame pintando. Debuxaba as vacas que viamos e tamén ás persoas que pasaban. A xente dos bos días e adeus, como dicía Otero Pedrayo. Esa que está tan cansa de traballar na terra que non pode parar un ratiño a falar porque non pode máis.
«Gustaríame ter pintado a Capilla Sixtina ou calquera obra das de Rembrandt»
Pulido estudou Maxisterio antes de licenciarse en Belas Artes, nas especialidades de pintura e gravado, na Escola Superior de San Jordi. A Barcelona chegou despois dunha etapa traballando na escola de Casaio, no corazón de Pena Trevinca. Alí conseguiu praza nun colexio, traballo que compaxinaba cos estudos.
—Cal foi a súa experiencia como alumno e logo como docente?
—O profesor máis importante que tiven foi o pintor catalán Joan Hernández Pijuán, porque ademais de ser artista era moi bo profesor. Estiven anos traballando con el na abstracción, un proceso de creación dificilísimo e moi reflexivo. Coma profesor intentei sempre guiar aos meus alumnos polo camiño que eu vía neles, animarlles a que fixeran o que máis lles gustaba. Penso que si que teño influído nalgúns dos estudantes aos que lles din clase, vexo as miñas cores nas súas obras, e alégrame moitísimo.
—Que lle aportaban os estudantes e que cre que lle aportou vostede?
—Eu penso que aportei traballo, esforzo e reflexións diarias, implicábame en falar con eles e en escoitalos. Os alumnos sempre inflúen nun porque sorprenden. Mesmo os nenos, eu recordo de fixarme nos debuxos dos cativos e era impresionante ver a forma en que imaxinaban e como plasmaban esa imaxinación.
—Que cadro lle gustaría ter pintado?
—Gustaríame ter pintado a Capilla Sixtina, por exemplo. Que che dean un lugar tan impresionante para plasmar a túa obra e facelo como o fixo Miguel Ángel. Podería contestar tamén que calquera cadro de Rembrandt. Encantaríame ter feito algunha das súas obras maxistrais. Moita xente céntrase en copiar e en imitar, pero eu sempre preferín crear, que as pinturas me saian de dentro.
Namorado da música e da literatura e coleccionista de plumas
A pintura de Antón Pulido xa ten percorrido o mundo e admite que nela hai moita influencia da súa terra natal. A inspiración venlle de aspectos moi diferentes, aínda que ten clara cal é a súa maior paixón, «logo da arte, claro».
—A música é unha das partes máis importantes da miña vida. Eu fun pensionado polo Seminario para estudar tres cursos de canto gregoriano na Clerecía de Salamanca. Era o director da rondalla, tocaba o violín, a bandurria, a guitarra... ata fun tenor solista. Os meus cadros están moi influenciados pola música. Sobre todo os meus karmesses, cos que quero expresar as emocións da vida.
—Se non fose pintor e profesor, que pensa que tería sido?
—Cando tiña uns 17 anos, veu a escola un mestre de música da Universidade Laboral de Gijón, don José Ortega. Viña darnos un curso de vocalización e quixo falar co meu pai. Díxolle que eu tiña unha carreira moi prometedora coma tenor, pero el negouse porque pensaba que eu tiña que rematar o Seminario e seguir cos meus estudos. Así que nunca saberemos que pasaría, igual andaba eu por aí cantando en óperas. Nunca reflexionei sobre isto porque a verdade é que fixen na vida o que me gustou, pintar e crear, polo que todo o demais non existe para min como meta. Como diría o poeta Díaz Castro, a beleza feriume para sempre. Aínda que tamén me gustou o fútbol toda a vida e aínda hoxe desfruto moitísimo de xogar ao xadrez. E iso que Einstein dicía que se arrepentía de todo o tempo que perdera xogando ao xadrez, pero encántame, é unha paixón moi grande.
—Ten algunha predilección por algún obxecto? Algunha colección?
—Pois si. Son coleccionista de plumas estilográficas e sobre todo o que máis teño son libros. Teño miles e miles de obras escritas, ata que chegou un punto no que me din conta de que era coleccionista de libros. Gústame descubrir poetas porque son un insaciable lector de poesía. Isto pasoume fai moitos anos con César Vallejo, agora teño cada unha das súas obras publicadas e sei varios dos seus versos de memoria. Agora estou descubrindo a Pizarnik, unha arxentina marabillosa. Son acérrimo da lectura e sempre lles dixen aos pais dos meus alumnos que procurasen que leran porque de esa forma estaría salvado. Ler é fundamental para a vida, é unha forma de camiñar.