Luz Pozo Garza recibirá o Premio Trasalba

La Voz

AMOEIRO

ANGEL MANSO

A Fundación Otero Pedrayo recoñece co galardón a «decana e máis frutífera e sublime das poetas galegas»

03 abr 2019 . Actualizado a las 22:49 h.

Camiño dos 97 anos, que cumprirá o 21 de xullo, Luz Pozo Garza recibirá o galardón máis emblemático e simbólico da cultura galega, o que está vencellado á memoria do seu admirado Ramón Otero Pedrayo. A Fundación que leva o nome do patriarca das letras galegas vén de anunciar que «a decana e máis frutífera e sublime das poetas galegas» será recoñecida co Premio Trasalba 2019. A nova foi comunicada no transcurso do acto no que a fundación presentou as iniciativas que se desenvolverán na fin de semana nunha nova edición do «Abril Oteriano». A comisión de goberno da Otero Pedrayo tivo en conta para a súa decisión o feito de ser «Luz Pozo non só unha poeta 'oteriana', amiga de Otero -pasou mesmo algúns días na casa de Trasalba con seus fillos, convidada por Otero e Fita- e difusora da obra do autor de Trasalba, e autora dun dos máis belos poemas á ausencia 'Consagración de Trasalba', incluído no libro 'Códice Calixtino', senón, sobre todo, por ser a poeta máis importante do panorama lírico galego».