Medio cento de veciños visitaron a basílica da Ascensión e o castro de Armeá
19 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Cincuenta e un veciños pertencentes ás parroquias de Rodeiro, que rexe no espiritual o sacerdote e vicearcipreste de Deza, Alvito García Fente, realizaron o pasado martes a súa tradicional excursión anual, visitando nesta ocasión o celebre santuario de Santa Mariña de Augas Santas, a basílica da Ascensión e o castro de Armeá, no concello ourensán de Allariz.
Dende Rodeiro un autobús de Autocares Meijide levou aos participantes ata a municipio de Allariz, para visitar o célebre santuario de Augas Santas, onde está soterrada a mártir Santa Mariña nun fermoso mausoleo policromado, dentro dun dos templos románicos máis fermosos de Galicia, no que o párroco Eduardo Fernández, oficiou unha misa e logo fixo de guía para ollar o museo do santuario; a casa reitoral, que foi pazo de verán do bispo de Lugo; a capela da Ascensión, que garda no interior o pozo da santa no que moitos beberon, ao igual que na fonte milagreira que preside unha imaxe da Santa e fornece a un típico lavadoiro. Como aquí onde xantar non hai, tiveron que ir ata o restaurante Bella Vista nas aforas da vila de Allariz, e xa pola tarde, volver a Augas Santas, para percorrer a pé unha ruta que leva dende o santuario ata a basílica da Ascensión, un templo do século XIII, no que se pode baixar ata a cripta e ollar o forno onde se queimou a Santa Mariña e varias tombas con ben talladas laudas.
Tamén se pararon na cadeira da Santa, onde algúns sentaron e pediron un desexo, para logo, por onda a grande Peneda da Moura, ir ata os chamados sartegos da Santa, e aquí ata a impresionante Cibdá de Armeá, onde se mesturan construcións castrexas e romanas, a pé do castro do mesmo nome. De volta ao autobús, houbo tempo para ollar o xacemento romano do Monte Señorín, e pola antiga calzada, rematar o percorrido de pouco máis de tres quilómetros, parando a beber na fonte de Armeá e ollar un antigo petróglifo chantado nun valado próximo.
Compre subliñar que son os propios veciños de Rodeiro, quenes pagaron a totalidade dos gastos desta excursión que conxuga cultura, lecer e convivencia veciñal, ao marxe das achegas oficiais, o mesmo ca nas anteriores realizadas a O Cebreiro, o mosteiro de Samos e a igrexa románica de Portomarín, no ano 2023; o santuario das Ermidas, en Viana do Bolo e o Colexio do Cardeal de Monforte, no 2024; e ao santuario da Virxe dos Milagres en Baños de Molgas e a vila de Allariz, no pasado ano 2025.