Pai, nai e fillo comparten un estudo de fotografía en Allariz: «Aquí non hai xefes. Cada un ten o seu papel»
ALLARIZ
O negocio dos Muñiz López está a piques de cumprir o seu corenta aniversario
15 jun 2026 . Actualizado a las 12:58 h.A estirpe dos Muñiz na fotografía terá continuidade con César, o fillo de Darío e Antonia. Os tres comparten un estudo en Allariz e traballan xuntos en harmonía. «Somos familia, pero aquí non hai xefes. Cada un ten o seu papel», explica o máis novo.
O comezo desta historia hai que buscalo en Ribadavia. Darío Muñiz traballou co seu pai e o seu irmán maior, ambos fotógrafos. El non se interesara pola profesión ata ben entrada a adolescencia, exactamente igual que o que lle aconteceu anos máis tarde ao seu fillo. Nesas andaba cando coñeceu a Antonia López. Os seus encontros na discoteca da Manchica foron a máis no eido persoal, pero tamén no profesional e decidiron abrir un estudo de fotografía propio. Esa aventura está a piques de cumprir corenta anos.
Coñecéronse cando ela aínda estaba no instituto e ese mundo era totalmente novo para Toni, como todos a coñecen na familia. A asistencia a congresos e, sobre todo, a aprendizaxe práctica do día a día convertérona nunha experta na fotografía social. As vodas e outras celebracións son a principal fonte de traballo da familia, aínda que tamén teñen outras. César, por exemplo, está especializándose en fotos comerciais de decoración ou en paisaxes, moi demandados polos concellos.
«De pequeno xogaba coas cámaras, pero ata que tiña 16 ou 17 anos non empecei a interesarme de verdade», confesa o mozo, que se formou en Ourense e en Santiago de Compostela. Seu pai destaca, non obstante, o seu carácter autodidacta, buscando sempre as últimas novidades no sector. «É algo que me gusta del e eu trato de non influílo demasiado porque, ás veces, un colle máis os defectos que as virtudes», explica Darío. «Nunca lle insistimos para que se dedicase a isto, pero é algo que nos fai moita ilusión», engade ela.
Todos coinciden en que o traballo en familia é, no seu caso, totalmente harmónico. Insisten en que non hai xefes. «Temos sempre moitas frontes abertas e cada un vai ao seu, pero aprendemos moito del e ter unha persoa como el no estudo axuda a chegar á xente moza», di Toni. O bo manexo das novas tecnoloxías por parte de César é de moita utilidade, especialmente nun mundo como o de hoxe en día. Neste sentido, a familia Muñiz López ten claro que a intelixencia artificial é unha ferramenta que debe ser utilizada con coidado. «Que sexa para axudar, non para facer o traballo», di Darío, que defende que as fotografías deben manipularse «o menos posible». Pon como exemplo unha imaxe del mesmo cando so tiña tres anos. «Ao principio dábame vergonza vela porque tiña o zapato roto de xogar ao fútbol, pero hoxe encántame porque hai unha historia detrás. Se a foto fose retocada xa non sería o mesmo», precisa o pai.
En calquera caso, en Darío Muñiz Fotógrafos apostan pola innovación, pero máis como filosofía que pola intervención das novas tecnoloxías. «Foinos indo ben e fixemos moita reportaxe social por moitas partes de Galicia porque sempre tivemos ese obxectivo de non facer unha tenda fotográfica ao uso, senón facelo todo o máis artístico e innovador que puidéramos, non a típica foto que gardas e logo nunca ves», explica Toni.
E Darío engade: «Queriamos facer cousas que non facían a maioría dos fotógrafos. Unha porta bonita dunha casa, unha fachada dun pazo, unha carballeira... Intentamos facer sempre algo diferente».
Allariz, un lugar «moi natural e moi bonito para un artista»
Darío Muñiz é de Outomuro, en Cartelle, e Antonia López, de Leborín, en Celanova. Cando decidiron abrir xuntos un estudo de fotografía valoraron diferentes localidades na provincia e finalmente elixiron Allariz por recomendación duns amigos. Non puido ser mellor elección, segundo din. Abriron en 1987 na rúa Emilia Pardo Bazán e hai dezaoito anos trasladáronse á rúa Castelao, onde segue hoxe en día o seu centro de operacións.
É unha casa vella totalmente reformada e cun pequeno xardín traseiro que fai as delicias dos clientes que buscan un pouco de privacidade para posar para as súas reportaxes. Eles, non obstante, prefiren os exteriores y destacan os infinitos recunchos que o pobo ofrece para tomar fotografías que os seus protagonistas recordarán, e gardarán, para sempre. «A nós viunos moi ben estar en Allariz porque é moi natural e moi bonito para un artista», explica Toni, que engade que a proximidade coa capital ourensá finalmente tamén foi positiva para o estudo, aínda que o principio tiñan dúbidas: «É algo que moitas veces comentamos nos congresos, cando nos preguntan como é traballar nun lugar así. Hai que facer algo distinto para que a xente veña das cidades aos pobos».
E, dese xeito, Darío Muñiz Fotógrafos está a piques de cumprir xa o seu corenta aniversario.
DNI
Quen son? Darío Muñiz Hermida naceu en 1962, a súa muller, Antonia López González, en 1967, e o fillo de ambos, César Muñiz López, en 1998.
Que fan? Son fotógrafos e teñen un estudo en Allariz que cumprirá corenta anos no 2027.