Allariz volve ter unha muller do sedeño dúas décadas despois: «Nunca lle tiven medo ao boi, si á xente»

Uxía Carrera Fernández
Uxía Carrera ALLARIZ / LA VOZ

ALLARIZ

Yaixa Villar é a segunda muller do sedeño de Allariz
Yaixa Villar é a segunda muller do sedeño de Allariz MIGUEL VILLAR

Yaixa Villar, de 18 anos, é a segunda rapaza na historia que guia ao boi nas corridas, estreouse nestas festas tras cumprir a maioría de idade

06 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Os homes do sedeño son os encargados de guiar ao boi en Allariz. Iso fainos unhas das figuras máis importantes das festas por excelencia da localidade ourensá. Cunha branca vestimenta que os distingue, son respectados polos seus veciños, que lles agradecen cada ano a súa labor. Nesta edición das festas o seu nome xa non se lles axusta de todo. Despois de máis de dúas décadas volve haber presenza feminina entre os apoderados das cordas que amarran ao animal. Yaixa Villar, de 18 anos, é a segunda rapaza da historia en pertencer a este grupo. «Como non ves mulleres tes a dúbida de se poder entrar, pero está aberto a calquera, eu corro dende pequena e sempre me gustou así que fíxeno», di con naturalidade.

No que dura a conversa con Yaixa fronte á Casa do Boi, dúas veteranas veciñas de Allariz non poden evitar fallarle. «Que, xa estás preparada?» e «que tal o levas?» son as preguntas que lle fan cun sincero sorriso. Dende que a moza correu por primeira vez cos do sedeño este sábado, todo para ela son felicitacións e ánimos. «É unha pasada, fálame xente que non coñezo, danme dous bicos e a noraboa», conta. E iso que a decisión de ser muller do sedeño foi a máis sinxela do mundo para ela. Leva correndo ó boi dende pequena, primeiro na modalidade infantil e despois sempre na de adultos. O ano pasado preguntouse se podería ser unha dos do sedeño: «Como levas toda a vida vendo só homes non se che pasa pola cabeza». Contáronlle que a única muller que correu fíxoo un ano hai unhas dúas décadas. Ela nin nacera. O seu irmán de 26 anos leva tres sendo home do sedeño, así que a través del preguntou e soubo —agora con certeza— que calquera persoa pode unirse.

Como tiña 17 anos, tivo que esperar a ter esta edición a maioría de idade. Para ser muller do sedeño non hai prácticas. A primeira carreira do sábado 30, cando arrancaron as festas, foi tamén para ela o estreo de branco. Yaixa, coma os demais, prepárase individualmente a nivel físico. Un mes ou unhas semanas antes intentan correr entre as rúas para adaptarse ao chan de pedra. Ao mesmo tempo, os veteranos ensínanlle como se leva a corda e como se abre paso á xente para que non suceda nada. Esta vez aprenderon ela e outro rapaz novo. Son arredor dunha vintena de homes do sedeño e aínda que todos fan un pouco de todo, cada un ten unha función.

Yaixa aclara que quen leva maioritariamente a corda son os que teñen máis experiencia. «Nós tamén o levamos algunha vez, pero ata que non colles bastante ritmo non podes», relata. Por exemplo, ela amarrouna nunha das carreiras nas que paran fronte á residencia de anciáns, na que sacan ao boi máis manso e incluso lle pasan a corda a algún dos maiores pola fiestra. «As señoras estaban moi contentas de ver unha rapaza, dixéronmo», conta con alegría. Levar ao animal de case unha tonelada é máis unha manobra de habilidade e experiencia que de forza, como argumenta a moza alaricana. «Aínda que quixeramos frear entre todos ao boi, é imposible por forza, o que hai que facer é guialo, coñecelo cada vez máis e vendo de que perna coxea», explica.

Aínda que ten clara a teoría, outra cousa é poñerse ás portas da Casa do Boi esperando que saia o animal. Confesa que na primeira carreira —unha das máis multitudinarias— estaba nerviosa, pero os seus compañeiros son «xente espectacular» que a axudou en todo. Sentiu a responsabilidade de dar seguridade á xente, sempre co apoio de Protección Civil, e experimentou que ser muller do sedeño cambia por completo a forma de vivir a carreira. Pero mantén o mesmo respecto: «Nunca lle tiven medo ao boi, si á xente, á aglomeración ou cando non saben onde poñerse». Nota que cada vez acuden máis persoas ás festas, moitas adolescentes, que non son consciente do risco da carreira e non sabe facelo da forma máis segura. Por iso do momento que máis disfrutan os alaricanos é da saída das oito da mañá, na que só hai corredores locais.

Yaixa espera participar en tódalas carreiras. Xa adianta que rematará cun enorme cansazo, pero merecerá a pena. Será o primeiro de moitos anos como muller do sedeño. Polo momento pasará o próximo curso a segundo de bacharelato e xa ten claro que opositará para Policía Nacional. Mais estea onde estea, as festas do boi serán imperdibles. «Eu non tiña ningún referente así que oxalá as pequeniñas de hoxe en día vexan que calquera poder chegar a facelo e se animen, só se precisa valentía», expresa como ánima para as novas xeracións de alaricanas.