Allariz programa concertos na rúa e teatro para a cativada para festexar o Día das Letras Galegas
ALLARIZ
Parada de Sil celebrará unha homenaxe a Francisco Javier Carballo García
06 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A programación de actividades para festexar as Letras Galegas 2026 en Allariz arrancará o xoves 14 de maio ás 20.30 horas na biblioteca municipal. Nesa xornada previa ao día grande, o xornalista e escritor Javier Fraiz presentará o seu libro «Amar Azar», nun acto no que estará acompañado por Fernando Varela. O venres 15 de maio as propostas continuarán na rúa a partir das 20.30 horas na praza Maior cunha xornada que celebra a cultura e a mocidade. O programa para esa noite inclúe a actuación da Escola de Música Tradicional, seguida dun concerto do alumnado de Combo: Música Moderna. O peche da xornada nocturna correrá a cargo do grupo de PunkPop de Pontedeume, Bule.
O 17 de maio, a programación trasladarase á Alameda para reivindicar o legado literario en galego e a importancia da palabra. A xornada comezará ás 13.00 horas co concerto da Banda Unión Musical de Allariz. Pola tarde, ás 17.00 horas e dentro do programa «Ler conta moito», o grupo Os Jalochos porá en escena a peza teatral infantil «A landra viaxeira e o amigo Lambón». Esta programación busca conectar a todas as xeracións coa lingua, rendendo tributo a unha autora que, como Begoña Caamaño, destacou pola súa calidade literaria e o seu compromiso co xornalismo e o feminismo. O Concello de Allariz convida a toda a veciñanza a saír á rúa e participar nunha programación que celebra a vixencia e o futuro da nosa lingua.
En Parada de Sil
Por outra parte, O Concello de Parada de Sil celebrará unha homenaxe a Francisco Javier Carballo García o vindeiro 16 de maio ás 11.30 horas na Casa do Concello, dentro das actividades do Día das Letras Galegas. A xornada incluirá actuacións da Coral Capela Madrigalista, a proxección dun vídeo de recordos do homenaxeado e unha laudatio realizada polo deputado autonómico Juan Manuel Casares Gándara. Francisco Javier Carballo García, nacido en 1961 na Casa do Vento, é un destacado profesional da veterinaria e da tecnoloxía dos alimentos cun expediente académico excepcional. Tras realizar investigacións en Francia, dende 1991 exerce como profesor na Facultade de Ciencias de Ourense e é autor de máis de douscentos artigos de investigación internacionais. Na actualidade, é académico das Academias de Ciencias Veterinarias de Galicia e de Castela e León. Durante o acto de homenaxe tamén se fará a entrega de premios da edición número catorce do Concurso de Microrrelatos Concello de Parada de Sil-Ribeira Sacra. Será ás 13.00 horas. A programación finalizará coa colocación dunha placa de recordo na casa do homenaxeado ás dúas da tarde seguidos de uns petiscos con viño da Ribeira Sacra.