O Festival Literario de Allariz clausura a súa cuarta edición

LA VOZ OURENSE

ALLARIZ

Miguel Villar

A cita culturral puxo en valor a diversidade de linguas e a importancia da tradución

06 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A cuarta edición do Festival Literario de Allariz (FLAZ) concluíu con éxito, poñendo en valor a diversidade das literaturas e o papel fundamental da tradución para a difusión das letras en todas as súas linguas. Durante os días 4 e 5 de xullo, escritores e tradutores de prestixio como Cristina Sánchez-Andrade, Suso de Toro, Miquel Martín i Serra, Isaac Xubín, María Alonso Seisdedos e Garazi Albizua protagonizaron un completo programa de encontros e diálogos na Sala de Exposicións A Fábrica.

O festival arrancou o venres co debate «Literatura e loita de clases», protagonizado por Garazi Albizua, unha das voces máis relevantes da literatura en lingua vasca, e o recoñecido escritor catalán Miquel Martín i Serra. A xornada do sábado incluíu a conversación «A tradución literaria como resistencia fronte ao automatismo», que reuniu á tradutora galega María Alonso Seisdedos e ao escritor e tradutor Isaac Xubín.

Xa pola tarde, a escritora Cristina Sánchez-Andrade e o galardoado narrador Suso de Toro protagonizaron un diálogo baixo o título «O estilo literario na idade de ouro da trama». O festival pechou cunha mesa redonda titulada «Pontes e canles: Escrita, tradución e mercado literario», na que participaron os seis invitados, abordando o estado actual e os retos da literatura e a súa tradución no mercado contemporáneo.

Organizado pola libraría Aira das Letras e o Concello de Allariz, co apoio da Deputación de Ourense e diversas entidades locais, FLAZ consolídase como un espazo imprescindible para o diálogo intercultural e lingüístico en Galicia, promovendo a lectura e a reflexión sobre a riqueza plural das letras españolas.