O apicultor Raúl Vasalo participa esta fin de semana na Feira do Outono, que terá lugar no pavillón do instituto
09 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Allariz celebra esta fin de semana unha nova edición da Feira do Outono, un mercado no que participan máis de trinta produtores chegados de distintos puntos de Galicia, Castela e León e Portugal. A cita será no pavillón do instituto, tanto o sábado como o domingo, de dez e media da mañá a oito da tarde. Haberá unha zona de cociña con demostracións en directo, saídas ao monte para buscar setas e, por suposto, o mercado. Nos postos venderanse cogomelos, noces, castañas e os seus derivados. Non faltará un expositor con meles. Un dos produtores que participa na feira é o alaricano Raúl Vasalo, que elabora este doce co seu nome.
—Como comezou no sector da apicultura local?
—Empecei coma afeccionado e agora podería dicirse que son semiprofesional porque compatibilizo esta actividade co traballo coma docente. Sempre me gustou o mundo das abellas. Fíxenme da Asociación Galega de Apicultura e así, pouco a pouco, funme formando e aprendendo. Pasei de ter dúas colmeas a cincuenta que teño agora, todas en Allariz.
—Que tipo de mel fai?
—Sobre todo de castiñeiro e de silva. Tamén teño unha pequena produción de mel negra, de carballos, que é apreciada por ter moitos minerais.
—Que lle parecen as iniciativas como a Feira do Outono?
—Levo participando preto de doce anos e encántame. Hai moi bo ambiente e tamén boa participación, porque veñen clientes do pobo e tamén turistas. Ademais é igual o tempo que faga, a xente ben igual, e iso é moi bo. Vale para que os veciños poidan mercar directamente aos produtores e creo que é algo que está moi ben. En Allariz hai moitas oportunidades de pór en valor a produción local e propia. Está esta feira e tamén os mercados da Reserva da Biosfera, por exemplo, que se celebran os sábados pola mañá.
—Que destacaría da mel de pequenos produtores?
—Penso que é un alimento de calidade. Na provincia de Ourense en xeral faise moi boa mel e a xente está acostumada a consumila, así que o ten comprobado. Ao final, mercando en feiras atópaste con nós. Este proxecto, Mel Raúl Vasalo son eu. Poño o nome, o esforzo, a ilusión e tamén toda a confianza no que fago.