A feria celebrarase o día 14 na praza do Matadoiro
05 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Día 14 • De 10.00 a 20.00 horas • Praza do Matadoiro • Allariz • A sexta edición da Feira de Produtos Apícolas de Allariz xa ten data e programación, e a mesma foi presentada polos concelleiros de Medio Ambiente e Promoción Económica da vila, Bernardo Varela e María López, e Raúl Vasalo, membro da Asociación Galega de Apicultura (AGA).
A feira contará cunha ducia de postos onde os apicultores locais e outros expositores amosarán un amplo abano da riqueza e diversidade dos produtos apícolas: unha gran variedade de meles, poles, própoles e cosmética apícola. Cervexas ou infusións con mel tamén se poderán mercar na feira.
A xornada contará cun amplo programa de actividades. Pola mañá, a partir das once e media, haberá obradoiro de reciclaxe —baixo o título «Facemos unha colmea»— e, unha hora despois, degustación de produtos no Mercado da Reserva. Pola tarde Cristina Collazo estará co espectáculo «A corva, compoñedora de contos» —ás seis da tarde— e ás sete e media terá lugar o sorteo de produtos apícolas entre os visitantes da feira.