Allariz acollerá unha xornada de convivencia para arroupar a crianza na lingua galega
ALLARIZ

As actividades desenvolveranse o día 25 de febreiro e incluirán obradoiros e propostas de lecer
02 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A vila de Allariz acollerá o vindeiro día 25 a xornada Medrar en galego, unha experiencia que se organiza para arroupar á crianza na lingua galega. Durante todo o día —de 10.30 a 20.00 horas— desenvolverase un amplo programa de actividades que incluirá obradoiros, propostas de lecer, feria, obradoiros, contada e un concerto de Magín Blanco. A iniciativa está organizada por A Mesa pola Normalización Lingüística, Concello de Allariz, Espazo Ben Común, Confederación de ANPAS Galegas e Deputación de Ourense. A xornada Medrar en galego presentouse no Concello alaricán e participaron no acto Marcos Maceira —de A Mesa—, a alcaldesa Cristina Cid, o vicepresidente provincial Rosendo Fernández e a concelleira de Ensino e Normalización Lingüística alaricá, Olga Quintana Devesa.
Maceira lembrou as estatísticas sobre o uso do galego para pór enriba da mesa a problemática que se está vivindo coa lingua e tamén se referiu aos atrancos cos que se atopan as familias que queren educar e formar aos seus fillos en galego. Referiuse ademais a situacións como as que se dan no referido aos xoguetes —onde non pasa de ser simbólica a presenza do noso idioma— ou mesmo as canles de televisión con representación no país. Agradeceu Marcos Maceira o apoio das institucións representadas no acto, e de Ben Común e a Confederación de ANPAS Galegas, para poder organizar a xornada.
Rosendo Fernández lembrou o compromiso da Deputación de Ourense coa lingua, recordando que a institución aprobou no ano 1990 unha iniciativa declarando o galego o seu idioma oficial e que dende ese ano o organismo conta cun servizo de Normalización Lingüística.
A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, incidiu na necesidade de que as institucións se impliquen no día a día para que o idioma non se perda. «O noso deber é protexer, mimar e transmitir ás xeracións futuras o que as xeracións pasadas nos transmitiron a nós», sinalou ao tempo que animou a achegarse á vila para participar na experiencia. Medrar en galego incluirá o Obradoiro de crianza en galego, que se desenvolverá dende as 10.30 horas no Albergue dos Salesianos, e as actividades lúdicas que se realizarán, dende as 13.00 horas, na praza do Concello.