José Luis Mascareñas, químico: «Nun traballo con células nai fomos capaces de parar tres tipos de cancro»

ALLARIZ

O científico José Luis Mascareñas na súa vila natal, Allariz
O científico José Luis Mascareñas na súa vila natal, Allariz ALEJANDRO CAMBA

O científico de Allariz dirixe o CIQUS da Universidade de Santiago e ve necesarios máis centros como o seu para potenciar Galicia

18 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva recollido unha manchea de recoñecementos e premios José Luis Mascareñas Cid (Allariz, 1961). Aínda que este venres a cousa foi moi diferente e os sentimentos do rapaz que pasaba os veráns no río Arnoia e que ía de pesca co seu pai mandaban sobre calquera outra cousa. José Luis Mascareñas Cid recibía do Concello de Allariz o premio Vila de vida, un galardón honorífico que ten como obxectivo recoñecer o traballo de persoas, colectivos, entidades ou asociacións e aqueles proxectos de desenvolvemento económico, cultural e social do pobo. Mascareñas é director do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materias Moleculares (CIQUS).

—A pregunta é obvia. Como se valora que o premien no seu pobo?

Teño levado uns cantos galardóns, a nivel científico, pero este é moi distinto e diferente porque che toca o corazón. E desde esta perspectiva só me queda dicir que me fixo moita ilusión. Tamén representa unha nova responsabilidade para con Allariz, visibilizalo, impulsalo e servir de referente para a xente nova que queira dedicarse á ciencia.

—Que é o CIQUS e cales son os seus obxectivos?

É un centro de investigación que, aínda sendo do ámbito da química, é bastante multidisciplinar e hai tamén biólogos e físicos. Intercambiamos coñecementos sobre diferentes temas, algo que é moi útil á hora de abordar problemas científicos e tecnolóxicos e que nos dá bastante vantaxes. Pertence á USC, e un dos obxectivos da Universidade é facer investigación e ciencia; descubrir, crear e desenvolver tecnoloxía. A nós, como membros da universidade, o centro permítenos optimizar e ser máis eficientes na nosa labor, porque ao estar aquí concentrados temos un rendemento maior á hora de crear novo coñecemento.

—Tamén contan coa faceta formativa.

—Ese é outro dos aspectos relevantes. No CIQUS formamos a moita xente de alto nivel. Neste momento temos cento corenta estudantes —tanto de mestrado como de doutorado ou postdoutorado— que están facendo traballo de investigación. Esa xente, cando sae de aquí, sae moi ben formada e optará a postos de alto nivel e de liderado, en Galicia ou onde sexa, e serán líderes sociais que contribuirán ao desenvolvemento da sociedade.

—E o aspecto tecnolóxico?

—É o noso terceiro sinal de identidade. A tecnoloxía que creamos aquí permite meterse no mercado e, por outro lado, xerar recursos económicos e contribuír á sociedade. Por exemplo, aínda temos en marcha dous proxectos para desenvolver vacinas contra o covid. Daquela o CIQUS ten unha tripla función: por un lado a ciencia, por outro a formación e un terceiro que é a tecnoloxía. Se houbese máis centros como este Galicia estaría nun nivel superior de desenvolvemento socioeconómico.

—Cales son as súas liñas de investigación?

—Unha cousa é o meu caso e outra o CIQUS, porque no centro hai dezaoito liñas de investigación na actualidade.

—No seu.

—Nós somos químicos moleculares e traballamos na fronteira entre a química e a bioloxía. Tratamos de desenvolver e crear moléculas, ou sexa produtos químicos, que podan ter aplicacións para diagnósticos ou para biomedicinas.

—Nesa liña de traballo é onde se enmarca a loita contra o cancro?

—Estamos desenvolvendo, atopámonos nunha fase avanzada, unha nova estratexia anticancro. Facémolo en colaboración cun biólogo de Madrid, Bruno Sáez, e estamos tamén desenvolvendo unhas novas ferramentas para entender mellor como funcionan as células e ser capaces de modificar as células vivas dunha forma que as podamos controlar dende fóra.

—Traballan con células nai para tentar atallar a enfermidade.

—Si. É un proxecto que fago en colaboración cun experto en células nai de cancro e a verdade é que estamos sorprendidos porque descubrimos un alcance bastante grande e fomos capaces de parar tres tipos de cancro —o de páncreas, o de colon e o osteosarcoma— en animais vivos. Estamos esperanzados porque detivemos o tumor pero, obviamente, aínda estamos moi lonxe de que isto poda chegar ao mercado. Estamos niso.

—O obxectivo sería combater o cancro ou retrasalo?

—Exactamente, pero con métodos diferentes aos que hai agora. A vantaxe que ten é que é un mecanismo de actuación que vai sobre as células nai do cancro, é dicir non vai dirixido ás células tumorais. Se somos capaces de eliminalas será un avance para que o cancro non se volva a reproducir.

«Dirixir teses e transferir coñecementos é do que me sinto máis orgulloso»

O químico alaricano formouse na USC e estivo na Universidade de Stanford na súa etapa postdoutoral. Foi científico visitante nas universidades de Harvard, Cambridge e no MIT de Estados Unidos. É profesor da Universidade de Santiago de Compostela dende 1993 e catedrático dende o 2005. No 2014 accedeu á dirección do CIQUS. Os seus traballos como investigador teñen conseguido unha ampla repercusión e leva sumado distincións —entre elas a Medalla de Ouro da Real Sociedad Española de Química— e galardóns ao longo dunha excelente carreira profesional na que tamén ten sido distinguido por institucións como a Real Academia de Farmacia de Galicia.

—Desenvolveu unha ampla actividade no estranxeiro. Non lle chamaba desenvolver o seu traballo científico alí?

—Tiven ofertas, pero tirábame máis volver —daquela pola miña moza e a familia— e facer investigación científica de alto nivel dende Galicia. Xa estando aquí apareceu algunha proposta, mais o meu compromiso mantense.

—A aposta galega pola investigación é firme?

—É moi mellorable. Os políticos non acaban de entendelo porque non lle ven rendemento inmediato. Aquí onde o fixeron ben foi en Cataluña e Euskadi, que xa hai 15 ou 20 anos apostaron polo investimento en ciencia e tecnoloxía.

—E no caso do seu centro?

—O CIQUS é o mellor centro de investigación química de España... imos camiño de converternos nos mellores. Sen dúbida de ningún tipo.

—Leva dirixido corenta teses.

—É a mellor cousa que teño feito en todos os anos que levo na USC. Dirixín corenta e unha e agora teño varias en marcha. Dirixir teses e transferir o coñecemento é do que me sinto máis orgulloso. Cando se dá esa situación é a maior satisfacción do mundo porque formas a unhas persoas que transfires á sociedade e que serán líderes nos seus sectores e contribuirán á que Galicia e a sociedade sexan mellores.

O neno que se bañaba no Arnoia e miraba onde se agochaban as troitas

José Luis Mascareñas mantén unha estreita relación co seu pobo, por máis que as responsabilidades profesionais e familiares centren agora o seu tempo. Ata os 21 anos, idade á que se foi de Allariz, a paixón alaricana marcou a súa vida. Nun artigo no que falaba dos seus veráns lembraba os veráns bañándose no Arnoia, as xornadas de pesca na compaña de seu pai e a descuberta da natureza.

—Sinalaba entón que seguramente naqueles veráns naceu a súa faceta científica.

—Teño claro que así foi. Andaba a mirar onde se agochaban as troitas e a ver como se movían polo río. A curiosidade daqueles tempos, o desexo de saber, é a mesma que lle dá pulo á miña labor investigadora.

—Segue a pescar?

—Xa non. A vida vaite levando e as responsabilidades non che deixan tempo para nada.

—Algún tempo terá para esquecerse do traballo.

—Á miña idade, e con fillos maiores, a prioridade pasa por disfrutar da familia durante o tempo que tes libre. Tamén me gusta saír a andar ou a facer rutas de sendeirismo.

—Como apaixonado viaxeiro que é cal é o destino pendente?

—Sempre quedan sitios aos que che apetece ir e aproveito as moitas viaxes de traballo que fago para coller un par de días e coñecer. Ir a Jordania, e Israel, e viaxar polos países do sur de África son as que me gustaría realizar canto antes poda.

Quen son

«Unha persoa inqueda, con moita curiosidade, apaixonada coas cousas que fai e tentando facelas o mellor posible. Tamén cometendo erros, e aprendendo dos mesmos. Gustaríame volver para atrás e saber o que sei agora. Fundamentalmente unha persoa que desexa aprender».