Antonio Blanco: «Hai que explicar por que se corre o boi, isto non é un espectáculo taurino»

Maite Rodríguez Vázquez
maite Rodríguez OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

MIGUEL VILLAR

O historiador allaricense reivindica o fundamento tradicional da festa de Allariz

12 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As pedras de Allariz non teñen moitos secretos para o historiador allaricense Antonio Blanco. Nunha das rúas do casco histórico da vila, párase para fotografarse nun recuncho que pasa desapercibido para a maioría pero que está cheo de historia e de simbolismo: é a casa na que viviu o Padre Feijoo, un inmoble situado la rúa da Tripería ou do cárcere. Alí residiu o filósofo e docente nado en Casdemiro ata os catorce anos; nesa etapa estudou no colexio que é a actual Casa da Cultura. Blanco, historiador e docente xubilado, estráñase de que eses anos permanezan escuros na biografías do grande pensador es escritor da Ilustración.

Sobre as antigas rúas empedradas de Allariz xírase de novo este mes de xuño o foco de atención pola celebración, logo de dous anos de paréntese, da festa do boi. Antonio Blanco, membro e portavoz da asociación Xan de Arzúa, que organiza o festexo xunto co Concello, colabora divulgando os aspectos históricos da celebración. Tamén, di, bota «algunha carreiriña». «Temos moito interese en que a festa do boi colla o carácter histórico e tradicional; se non, non ten futuro. Sería un botellón máis, legalizado. O futuro da festa do boi está ligado a súa historia, hai que buscar un equilibrio entre tradición e modernidade», defende Blanco.

É unha inquedanza que ten desde os seus tempos na política municipal activa. Foi, durante catorce anos, concelleiro de Cultura, Educación e Deportes, tenente de alcalde e mesmo rexedor nos meses que Anxo Quintana estivera suspendido. A festa gañou riqueza e incorporou elementos, como os gremios, a tarasca, as danzas. «Levamos moitos anos facendo un traballo importante. Recuperouse no ano 1983, cun boi correndo sen máis, sen coñecer o contexto. Como uns sanfermines en pequeno non tiña futuro. E no ano 1995 demos un golpe de timón importante. Hai que explicar por que se corre o boi; isto non é un espectáculo taurino, o boi forma parte dun espectáculo no que participa a xente. Eu falo da festa do boi de corpus, aínda que tamén saía no san Benito e no san Xoán».

Nesa etapa política local, Antonio Blanco puxo en marcha as escolas deportivas municipais, de fútbol, baloncesto e piragüismo, nas que seguen a practicar hoxe en día centos de nenos. «Castelao dicía que a política e a arte —porque necesita innovación e creatividade— de facer posible o necesario. Hai que estar metido no medio para facer un catálogo das necesidades e xerarquizar. Nós daquela empezamos polo río e o casco histórico e na miña área fixen o mesmo Empecei polas escolas deportivas». O deporte era un campo que non lle era alleo a Blanco, pois foi xogador de fútbol e sacou o título de adestrador. No eido da Educación, resalta o acordo con Salesianos para conseguir o antigo colexio desta orde, que hoxe forma parte do edificio do centro de secundaria. «O instituto quedábase pequeno e Salesianos resolveu o problema. Xa estaba pensado como colexio no seu interior, ben feito, de pedra...», salienta. Tamén puxeron en marcha a gardería municipal. Foron exemplos de aproveitamento de edificacións existentes, un modelo no que Allariz destacou pola posta en valor do seu casco histórico. «Rodeámonos de xente de primeiro nivel: Daniel Pino, César Portela e Xosé Carlos Sierra. Hoxe está rehabilitado o 85 % do casco. O problema é atopar o modelo adecuado para edificar no entorno», reflexiona. Foi delegado de Cultura da Xunta en Ourense (2008/09); nese cargo di que lle preocuparon as obras de San Francisco e quedou decepcionado polo tempo que estiveron paradas a causa dos «líos entre administracións».

Xubilado da súa etapa profesional como docente de Historia —foi profesor de Secundaria e estivo, entre outros centros de ensino, 30 anos no instituto da Carballeira — Antonio Blanco dedica o seu tempo a colaborar con varias asociacións (Xan de Arzúa, Fundación Vicente Risco, Fundación Ramón González Ferreiro) e as investigacións e estudos dos temas que lle gustan.

«A igrexa de San Benito tardou 150 anos en facerse por falta de cuartos»

Antonio Blanco naceu na rúa Padre Gándara (hoxe rúa Castelao) de Allariz. Admirador de Castelao, non entende ben por que se mudou o nome da rúa. Estudou no instituto Blanco Amor de Ourense. Confesa que se decantou por estudar Historia na Universidade de Santiago despois de desbotar a especialidade de Lingua e Literatura por causa dun profesor que di que lle sacou as ganas. Xubilouse con xúbilo pois segue moi activo, investigando, estudando e presentando traballos sobre a historia de Allariz.

Ultima un traballo sobre os pombais. Vén de dar unha conferencia sobre a igrexa de San Benito, o Corpus e o boi. Nela deu a coñecer o que revelaron uns documentos que atopou o antigo párroco Manuel Rodicio durante unha remodelación da igrexa. Esa igrexa, unha das 14 que tivo a Allariz, tardou 150 anos en facerse. No financiamento das obras contribuíron as achegas da Paneira, antiga institución municipal de crédito agrícola, e un imposto municipal sobre o viño, que se resolveu nun expediente de doce días, todo un exemplo de eficiencia administrativa. Con dous fillos xa maiores (un en Portugal e outra en Pontevedra), goza dos netos, de catro e oito anos.

O seu recanto.

Quen é. Antonio Blanco naceu en Allariz e ten 70 anos. Foi profesor, concelleiro e tenente de alcalde en Allariz e delegado de Cultura da Xunta.

O seu recanto. Escolle a casa do Padre Feijoo en Allariz. Un inmoble que pasa desapercibido no que o grande filósofo viviu ata os catorce anos, unha etapa da que non se fala na biografía do pensador e que Blanco reivindica.