Adolfo Fernández, arqueólogo: «O xacemento de Armea, en Allariz, sempre sorprende con novos materiais»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

Cedida

O profesor da Facultad de Historia desenvolve agora un proxecto internacional en Marrocos

06 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A experiencia de Adolfo Fernández Fernández (Xunqueira de Ambía, 1979) e o seu traballo como arqueólogo centraron recentemente unha conferencia no Liceo organizada en colaboración co campus. Profesor de Historia Antiga e Arqueoloxía na Facultade de Historia, tamén dá clases de Cultura Material Romana no mestrado de Arqueoloxía que a Universidade de Vigo ten coas de Compostela e A Coruña. Leva desenvolvido proxectos por varios lugares da provincia, de xeito destacado en Armea (Allariz), e por outros puntos de Galicia. Na actualidade está a traballar nun xacemento romano situado preto de Tánxer.

—Por que Marrocos?

—Dentro da miña liña de investigación, que estudo sobre todo o comercio e a economía da zona atlántica na época romana, sempre me apeteceu desenvolver un proxecto no extranxeiro. Teño traballado, e traballo, con misións doutros países e quería que a Universidade de Vigo tivese unha actuación no extranxeiro. Dos países que poderíamos ter escollido para min era importante Marrocos, fronte a outros destinos, e aínda que foi unha negociación dura conseguiuse.

—Quen desenvolve a actuación?

—O que estamos a realizar en Tahaddart, que está a uns trinta quilómetros de Tánxer, é un proxecto marroquí-español entre o Instituto Nacional de Ciencias da Arqueoloxía e do Patrimonio do Ministerio de Cultura de Marrocos e a Universidade de Vigo, que está subvencionado polo Ministerio de Cultura español e a Xunta de Galicia. Só hai dous convenios españois a día de hoxe en Marrocos: o da Universidade de Vigo e un da Universidade de Cádiz.

—Canto vai durar o proxecto?

—O xacemento romano de Tahaddart é un sitio industrial, na praia, e foi un importante enclave de produción de peixe salgado e salsas, que comerciaba con todas as cidades do Mediterráneo, de Roma a Alexandría, Marsella ou Tarragona. Ánforas, vaixelas e outros materiais dan conta desa realidade. Comezamos o pasado ano, de feito agora estamos no Museo Lixus de Larache catalogando o material recollido na pasada campaña, e estaremos ata o 2025.

—Volverá a Armea?

—Sen dúbida. O de Allariz é un proxecto especial, levamos dende o 2011 e imos para doce anos traballando alí. É un xacemento fantástico, cun bo estado de conservación. Unha cidade rural pequena, da Galicia romana, que é singular porque non hai desas cidades escavadas que se podan visitar. Podes ver os ambientes domésticos, meterte polo interior das estancias...

—Haberá novos achádegos?

—Seguro que si. Armea sempre sorprende con novos materiais. O ano pasado atopamos unha cabeza antropomórfica e agora estamos escavando nunha nova casa que conta cun patio interior todo enlousado e en perfecto estado de conservación. Nós consolidamos todos os anos o traballo e engadimos sinalización e ampliamos a ruta, o que fai de Armea un lugar diferente e atractivo ao que a xente volve regularmente.

—O apoio institucional ten servido para reforzar o proxecto?

—O Concello de Allariz foi quen iniciou os traballos e o que segue a liderar a iniciativa, que logo pasou a ter axuda da Xunta e agora da Deputación, que está facendo unha recreación en 3D.

 

«Imos facer do Castelo dos Mouros, en Ons, un espazo musealizado»

O arqueólogo ourensán ten traballado por toda Galicia e na provincia de Ourense tamén estivo no coñecido castro do Muro de Búbal, en Monterrei. Incide, así o fixo no encontro do Liceo, en que os cidadáns teñen cada vez un maior respecto e implicación no coidado do patrimonio, ao sentilo como propio.

—A escavacións van a máis e semella que cada Concello quere ter o seu propio proxecto. É viable iso?

—Debería haber un pouco de control, porque non todos os concellos están en condicións de afrontar despois o esforzo que iso necesita. Ao mellor poden asumir ese investimento un ano ou dous, e logo o xacemento remata por ser un burato no medio do monte comido pola fraga. Non se pode escavar por escavar, porque logo o deterioro é maior. Hai que ter claro que son accións a longo prazo e que precisan un investimento importante.

—Ademais do de Allariz que outros proxectos está a desenvolver en Galicia?

—Comezamos un o ano pasado no parque nacional Illas Atlánticas de Galicia que agardo teña moito percorrido. Xa fixemos varias campañas para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico do parque, especialmente en Ons. Traballamos no 2021 e faremos unha nova actuación este ano no Castelo dos Mouros coa intencióin de convertelo nun xacemento musealizado e visitable, para ofrecer un recurso e un atractivo máis para os milleiros de visitantes que pasan cada ano por Ons.

—Só nesa illa?

—Non. Tamén temos traballado en Sálvora e a nosa intención é seguir varios anos para recuperar o patrimonio tan rico que hai alí.

De Tahadart a Corinto, pasando por Allariz e O Grove

A traxectoria formativa e profesional de Adolfo Fernández Fernández está vencellada de forma preferente ao campus ourensano e á Universidade de Vigo. Na cidade estudou —«fun deses alumnos que rematou a carreira de Historia no Campus de Ourense»— e aquí comezou os cursos de doutoramento e logo matriculouse para a súa tese. E a partir de aí foi percorrendo o camiño que o levou a regresar á súa casa, desta volta como profesor. Encetou a traxecto en Arqueoloxía «e tiven a sorte de gañar unha beca predoutoral, e logo unha da Fundación Pedro Barrié de la Maza de postgrao». A mesma permitiulle ir máis de dous anos a Francia, a un centro nacional de investigación científica. Logo de rematar alí a tese volveu á Universidade de Vigo e, despois dunha curta estadía, marchou cun contrato postdoutoral para a de Coímbra.

Andaba por terras portuguesas cando conseguiu un contrato Marie Curie e volveu á Universidade de Vigo no 2016. Logo tivo un de investigador distinguido, que deixou polo Ramón y Cajal do Ministerio de Ciencia. Este último, de cinco anos de duración, permítelle compaxinar a investigación e a docencia. Logo de repasar mentalmente o camiño percorrido sentencia: «O normal para esta vida de científico. É o que hai».

—Entre a docencia e as escavacións vostede ten tempo para desconectar?

—Esta é a nosa paixón: a arqueoloxía. A miña afección é esta e a familia. Pasar o tempo con eles, a miña muller e os nenos, é o que me ocupa fóra disto. Son momentos para tentar gozar e compartir experiencias porque logo hai que volver ás campañas.

—Onde vai logo de Marrocos?

—Chegarei sobre o día 10 e logo marcho para Corinto, a facer unha campaña cuns americanos, e o 2 de xullo outra vez en Ourense para comezar unha nova etapa en Armea. Actuación á que lle sumaremos este ano o traballo no Grove. Presentamos no seu día uns informes á Xunta sobre este xacemento marítimo que tivo ocupación romana e contratáronnos para desenvolver un proxecto. É un espazo fantástico, que leva moito tempo abandonado, e vai ser moi ilusionante pór en valor ese lugar.

—Como fai para compaxinar as campañas?

—Cando xa vas desenvolvendo este tipo de actuacións no tempo contas cun equipo grande de investigadores, que xa se foron formando comigo, e podes compatibilizar actuacións. En Armea hai case vinte persoas —entre técnicos, estudantes e obreiros— e en Adro Vello haberá outro grupo. En xullo toca estar en casa cos peques e facer visitas puntuais aos xacementos. E despois do 20 de agosto hai que volver aquí a Marrocos.

—Deportes, lectura, cine...

—Fútbol. Non teño afeccións porque non dispoño de tempo, pero gústame o fútbol. Teño carné do Celta dende os dez anos, son socio histórico e intento ir o máis posible a Balaídos, pero nin ieso dou. Cando podo vou co meu fillo maior, que ten dez anos, e ao que tamén lle gusta o fútbol.

Quen son

«Un traballador que pensa co ADN da arqueoloxía. Non seríamos capaces de facer isto se esa non fose a nosa verdadeira paixón, non é un traballo. Nisto botas todos os días, sábados e domingos inclusive, e non se descansa. Chegas canso, esgotado. Mais é o que nos gusta e co que gozamos».