«Se volvera ser nova, sería granxeira, e cando a filla dixo que quería seguir non me deu disgusto ningún»

María Teresa Rodríguez Vázquez
Maite Rodríguez OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

De tal palo tal astilla. Explotación de ganado vacuno en ecológico en Torneiros, Allariz
De tal palo tal astilla. Explotación de ganado vacuno en ecológico en Torneiros, Allariz Miguel Villar

Pais e fillos producen leite ecolóxico en Allariz e envasan a marca propia Ecoleia

13 sep 2021 . Actualizado a las 20:27 h.

A historia de Carmen Cid e Marcos Quintas coa explotación gandeira de leite ecolóxico que teñen en Torneiros, Allariz, é a dunha vivencia e dunha convicción. Ambos medraron na granxa que seus pais fundaron en 1989. Dese momento fala Mari Carmen Álvarez Coello, nai de Carmen Cid: «Estivemos emigrados en Suiza dous anos e viñemos de volta. Cos pais de Marcos empezamos traballando xuntos. No ano 1989 fundamos a sociedade, eramos tres socios. É máis fácil levar unha explotación entre varios, da algo de xogo se tes que librares un día ou faceres un traballo extra». Ela sigue traballando na explotación, mentres que seu marido, Manuel Cid, xa está xubilado. No caso de Rosa Rodríguez, nai de Marcos, apunta que se enrolou na sociedade co seu marido, xa falecido, cando ela tiña corenta anos e o fillo era pequeno.

Empezaron con 20 ou 25 vacas, compraron corenta máis e foron criando. Naqueles primeiros anos non existía a produción ecolóxica co selo oficial pero xa desde o ano 1995, indica Carmen, lle estaban «dando voltas» para formar parte dunha cooperativa máis enfocada cara «o natural». Pero foi a partires do 2005 cando empezaron coa produción en ecolóxico. «As vacas dan menos leite se só comen herba e ao principio era complicado ter millo suficiente sen botarlle herbicida», apunta. Co asesoramento do Centro de Investigación Agraria de Mabegondo (CIAM), puideron aumentar a produción de forraxe ecolóxico, empregando a rotación de cultivos.

Os fillos de Mari Carmen e Manuel puideron facer estudos superiores: a filla, Económicas e o fillo, Física. «De pequenos axudaban e van acostumbrados a isto, pero traballar nun posto é outra cousa. Sempre pensei que prepararse é importante e logo hai que traballar no que gusta ou teñas a oportunidade. Cando Carmen dixo que quería seguir nisto, non me deu disgusto ningún. Eu se volvera ser nova, volvería ser granxeira», afirma Carmen. A filla decidiu dar o paso de continuar coa explotación ao voltar de estudar de Compostela, cando os socios fundadores se ían xubilar. Marcos estudara Mecánica e di que «non hai un momento puntual para empezar, vai xurdindo».