A vila de Allariz recupera as súas Xornadas do coiro

La Voz

ALLARIZ

Santi M. Amil

Durante todo o día haberá actividades vencelladas co legado da industria tradicional do pobo

26 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Dende as 10.00 horas • Allariz • Hai anos que a vila de Allariz apostou pola posta en valor do patrimonio vencellado ás industrias de coiro que houbo no municipio. Entre outras iniciativas, nesa liña de revalorización do pasado industrial, enmarcouse a creación do Museo do Coiro. Dende hai anos Allariz celebra unhas xornadas sobre o coiro e logo da anulación da do 2020 -pola covid-19- o Concello retoma o proxecto cunha edición reducida -só un día- que enche hoxe de actividades a vila.

O programa comezará ás 10.00 horas cunha ruta interpretativa sobre a importancia da curtición en Allariz. Partirá da propia fábrica de curtidos onde está o museo e a mesma irá percorrendo os espazos da vila que son o vestixio desta actividade que tanta importancia tivo na historia de Allariz.

Para as 11.30 horas está prevista a presentación de «Vidas líquidas», traballo de Javier H. Rodríguez sobre como evolucionaron as persoas e os oficios asentadas na contorna do río Sarela, en Compostela. O Muíño da Casa da Torre Lombarda e a Fábrica de Curtidos de Allariz tamén son protagonistas deste traballo.

Ás 12.30 horas será Claudio Otero o encargado de presentar o seu libro «A industria galega dos curtumes» (Laiovento). Na publicación tamén conta cunha importante presenza a industria do coiro alaricá.

Intervención colectiva

Xa pola tarde, ás 16.30 horas, haberá unha intervención colectiva, para a cal se cursou invitación a diferentes artesáns dende o Museo do Coiro. Rematará a xornada coa inauguración da mostra de Luis Rioja (20.00 horas).