Entregado o Premio Risco de Ciencias Sociais a Félix Castro Vicente

La Voz

ALLARIZ

cedida

O avogado e investigador ourensán é autor dun traballo sobre o ocultismo na obra de Risco

22 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A casa do Concello de Allariz acolleu a entrega do Premio Risco de Ciencias Sociais, convocatoria que no 2021 celebrará os seus 25 anos de historia. Na edición deste 2020 o xurado escolleu como a mellor das obras presentadas a concurso o traballo «Do doutor Alveiros á porta de palla. O ocultismo na obra e vida de Vicente Risco», do avogado e investigador Félix Castro Vicente. No acto desenvolvido no salón de plenos do Concello alaricano estiveron presentes, entre outros, as alcaldesas dos concellos de Castro Caldelas e Allariz, Sara Inés Vega e Cristina Cid respectivamente, e José María Eguileta Franco, membro da Fundación Vicente Risco. 

Debido ás medidas en vigor para loitar contra a pandemia do coronavirus o acto desenvolveuse sen a presenza de público no salón de plenos da consistorial. Félix Castro Vicente ten desenvolvido traballos vencellados ao mundo do ocultismo e de aspectos como o das lendas dos tesouros e mesmo ten participado, xunto co seu irmán Castor Castro Vicente, en traballos de investigación relacionados coa figura de Romasanta. Algúns foron presentados nas xornadas que sobre este asasino en serie ten organizado a Fundación Vicente Risco.