«Allariz segue sendo o lugar onde sempre quero volver»

La Voz

ALLARIZ

José Luis Mascareñas, xunto ó río Arnoia, cando era un neno
José Luis Mascareñas, xunto ó río Arnoia, cando era un neno cedida

O director do centro de investigación CIQUS, o ourensán José Luis Mascareñas, rememora experiencias dos veráns

13 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña infancia, nas décadas dos 70 e 80, está intimamente asociada o meu pobo, Allariz, que naquela época, segundo o meu pai, era como un xigantesco monasterio beneditino. Os veráns recórdoos como especialmente felices. Aínda non había Internet, redes sociais, Whatsapp, etcétera, co que gañabamos moito tempo para nós mesmos, para estar cos amigos e a familia, e para vivir o día a día con gran intensidade. Había unha fantástica sensación de liberdade, e pasabamos a maior parte do tempo fóra da casa.

Allariz era o paquete vacacional perfecto para pasar o verán, e ademais, gratuíto. Entorno, natureza, aventuras, e sobre todo, o río Arnoia, elemento esencial na xeografía do pobo. Que nostalxia! Aquelas tardes de verán cos amigos, refrescándonos nas praias fluviais que aínda non eran tales, conversando sen presas e sen estrés, ou xogando un que outro partido de fútbol en campos improvisados e moi deficientes, pero que para nós eran case que estadios regulamentarios.

O río xogaba un papel central nas miñas actividades, pois o meu pai afeccionoume á pesca dende pequeno, e por iso, tan pronto tiña un oco, alá ía, a retarme con peixes, troitas e o que se terciara. O máis importante desas aventuras, moitas en compañía do meu pai, non era tanto a actividade da pesca en si mesma, como a posibilidade de ter un contacto íntimo coa a natureza. A atmosfera era ideal para pensar, relaxarse e viaxar coa imaxinación. Visto dende a perspectiva actual, é posible que a miña vocación investigadora e científica teña moito que ver con eses tempos e esas actividades á beira do río, que sen dúbida fomentaron a miña curiosidade, e o interese por coñecer e entender. No fondo, a investigación científica vai diso.

Allariz, que segue sendo o lugar onde sempre quero volver, foi a miña referencia durante os veráns da xuventude, cando facía a carreira e a tese doutoral en Santiago. Non obstante, as cousas cambiaron un pouco dende que comecei a miña actividade profesional na Universidade, e co nacemento dos meus fillos, xa que apareceron novas responsabilidades, e o tempo empezou a escasear. De feito, dende finais dos noventa, a axenda familiar e profesional non fixo máis que aumentar, co que xa se facía máis difícil organizar os veráns. Neste período de madurez teño un recordo moi especial dos meus veráns en Boston en 1992 e 1995, facendo estadías pos-doutorais na Universidade de Harvard. A do 1995 pode que fora unha das experiencias máis enriquecedoras na miña vida, tanto a nivel científico como persoal. O ambiente do entorno era moi creativo e motivador, e influíu de forma decisiva no meu progreso profesional. Por outro lado, acababa de nacer o meu primeiro fillo, co que puidemos gozar como nunca de novas experiencias en familia. De feito, o éxito destas experiencias baseadas en combinar estancias de traballo con veráns familiares no estranxeiro, levounos a repetilo outros veráns, xa cos meus tres fillos grandiños. En particular, gardo un recordo inesquecible do verán do 2013, no que despois dunha estancia sabática no MIT en Cambridge (EE.UU.), pasei unhas vacacións con toda a familia que nos levaron dende Colorado ata Las Vegas, en parte seguindo a famosa ruta 66. Moi aconsellable.

O científico, este verán, coa su muller, nas Azores
O científico, este verán, coa su muller, nas Azores

«A covid-19 alterou os plans, pero Galicia e Portugal dan para moito»

Para o verán de 2020 estabamos planificando unha viaxe familiar a un pais asiático, pero a covid-19 veu trastocar todo. As miñas responsabilidades coa dirección do centro o do grupo de investigación, e as necesidades asociadas ó peche e reapertura de actividades, ocuparon moito do meu tempo. Afortunadamente, a miña muller e filla foron quen de planificar unha actividade especial para o verán; neste caso unha pequena viaxe as Azores. Experiencia estupenda, da que gardaremos un recordo moi especial, non só porque a illa é espléndida e dá moito de si, senón tamén por termos feito a viaxe en tempo de pandemia. Por outra banda, aínda que pendente do CIQUS e dos avances na investigación dunha vacina galega contra a covid que estamos a facer no centro, tamén houbo tempo para gozar de zonas costeiras de Galicia, e por suposto, de Allariz, o lugar ó que sempre quero volver.