A ilustración enche Allariz de actividades na súa cita anual

La Voz

ALLARIZ

MARCOS MÍGUEZ

Presentacións, encontros, concertos e a Feira da Creación desenvolveranse na vila durante dous días

31 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe e mañá • Diferentes horarios e espazos • Allariz • Arranca a cuarta edición do «Allariz debuxado», o festival da arte da ilustración, e faino cun amplo programa que se desenvolve durante dous días na vila. No Fogar do Maior comezarán as actividades (12.00 horas) coa inauguración a cargo da alcaldesa, Cristina Cid, e o director de Aira Editorial, César Lorenzo Gil. Logo haberá un relatorio de David Lafuente titulado «Como ser dibujante (y que te paguen)». Pola tarde, tamén no Fogar dos Maiores, continuarán as intervención coa presenza de Ester García, que impartirá a súa conferencia «Detrás del telón» (17.00 horas). Os encontros da xornada rematarán co relatorio de Tomás Hijo titulado «Ilustrando a Tolkien y Lovecraft. Gracias y desgracias del ‘fan art’» (19.00 horas). A programación da xornada rematará co concerto de Piratas sen parche no Catro Protiñas (23.00 horas).

O sábado celebrarase, entre 11.00 e 20.00 horas, a Feira da Creación. Haberá máis de vinte expositores na Praza de Abaixo. Se chove trasladarase ao Museo do Coiro.

Os encontros e presentación serán na Fundación Vicente Risco e comezarán coa presentación (11.45 horas) da novela gráfica «Grandarroiba», de Cristian F. Caruncho. Ás 12.30 horas haberá micropresentacións a cargo de artistas emerxentes e paralelamente -de 11.45 a 13.30 horas- sinaturas de obras por parte dos autores participantes no festival.

Os encontros rematarán co relatorio de Manuel Cráneo, quen falará da experiencia de Demo editorial. Será á partir das 17.00 horas na Fundación Risco.